Sabor  galego na trixésima edición do  Salón de Gourmets

Sabor galego na trixésima edición do Salón de Gourmets

Numerosos produtos galegos viaxan a Madrid para asistir á trixésima edición da Feira Internacional de Alimentación e Bebidas de Calidade, coñecida como o Salón de Gourmets, que terá lugar no Recinto Feiral IFEMA Juan Carlos I durante os días 4 ao 7 de abril.

Coa intención de promocionarse e impulsar as súas vendas, nun dos encontros de carácter profesional máis relevantes de gastronomía española e punto de reunión entre fabricantes e consumidores de produtos gourmet. As firmas galegas participarán en numerosas actividades como mesas redondas, campionatos de catas, showcookings, degustacións, etc.

“Proba o bo” é o título da demostración que protagonizarán Conservas Escurís con receitas que combinarán os seus mellores delicatessen con produtos das Denominacións de Orixe ou Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) galegas, regadas cos viños da D.O. Ribeira Sacra.

Iván Domínguez, chef de Grupo Alborada, participará na feira da man de ANFACO-CECOPESCA (Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes e Mariscos) elaborando ante os asistentes un menú con todo o sabor do mar: sargo, percebes, mexillóns, robaliza e zamburiñas, produtos galegos cos que o chef cociñará en directo ante os asistentes. Ademais Iván estará presente nun coloquio sobre o “Pasado, Presente e Futuro da Gastronomía” no que participarán os profesionais máis destacados do sector, como Juan Mari Arzak, Pedro Subijana, Martín Berasategui, Carme Ruscalleda, Andoni Luís Aduriz e Óscar Velasco.

No cuarto campionato de tapas para Gourmets, que organiza Estrella Galicia,  a comunidade galega estará representada por Francisco Javier Silva Abeigón do restaurante Casa Solla, Pontevedra, coa tapa “Gominola de pito especial extra”.

Cabe destacar que a adega Martín Códax recibirá o premio a Guía de Viños Gourmets 2016 ao mellor branco novo.

Comparte...