A gastronomía galega asaltan o Salón Gourmets

A gastronomía galega asaltan o Salón Gourmets

A representación galega no Salón Gourmets conta con actividades ofrecidas desde a Xunta. Entre as 32 empresas galegas presentes destacan Habelas Hailas e as presentes no posto do Mercado da Colleita

Estes días prodúcese un metafórico desembarco galego no Salón de Gourmets de Madrid, que se desenvolve no IFEMA ata o 8 de abril. Na cita, con bastante carácter profesional, agárdanse uns 80.000 visitantes de 25 países distintos esperando descubrir novidades gastronómicas e sabores.

Na inauguración estivo a conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, Ánxeles Vázquez, acompañada poor Belén do Campo, directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, que fixeron unha visita ás 32 empresas galegas asistentes a esta gran feira gastronómica.

Desde a administración galega prográmanse distintas degustacións gastronómicas de produtos lácteos, cárnicos, ecolóxicos ou viños; Ademais, o programa Galicia: 31 Experiencias de Calidad ofrecerá sesións con produtos da terra ou o mar, amparados pola DOP Mexillón de Galicia e a marca PescadeRías.

Sabores e novidades de Habelas Hailas

Habelas Hailas Licores volve ao salón Gourmets cun posto propio. A empresa de Noia presenta unha nova liña de produtos, os destilados DOSH, composta por un ron avellentado e unha xenebra london dry, que se amosan nunha sesión de coctalería a cargo de Marián Romeu, quen tamén se encarga de distintas exhibicións cos produtos de Habelas Hailas.

Desde Habelas Hailas apúntase que con estas novas bebidas “incorpóranse dous destilados moi empregados na coctelería, apostando con DOSH London Dry Gin por unha xenebra moi seca que se recomenda consumir moi fría para resaltar os seus toques pronunciados de enebro e o seu final algo picante. O seu perfect server é cun tuist de limón e unha tónica equilibrada. Pola súa banda DOSH Ron Gran Añejo caracterízase polos seus toques de froitos secos e lixeiro aroma de coco, untuoso na boca. O modo máis recomendable de consumilo sería só con xeo e máis pel de laranxa”.

Ademais a gama de cremas de Habelas Hailas suma dous novos sabores á súa colección: crema de torta de améndoas e crema de froitos silvestres, que veñen incrementar ata 17 os sabores que compoñen a súa suma de cremas e licores, que se completa coa gama especialmente creada para a hostalería e tendas gourmet de Witches&Wizards.

Cómpre salientar que Habelas Hailas incorpora agora o selo da denominación de orixe protexida Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia para aqueles produtos que se poden amparar baixo este selo: a augardente de bagazo, o licor de herbas e o licor café, posto que as cremas non están entre os produtos recoñecidos polo ente certificador.

Mercado da Colleita no Salón Gourmets

O Mercado da Colleita, o abano de iniciativas representativas do mellor do rural galego auspiciado desde a Corporación Hijos de Rivera, conta cun posto moi destacado no Salón Gourmets.

Co Mercado da Colleita, no Salón de Gourmets están presentes os ovos de Pazo de Vilane, os iogures de Casa Grande de Xanceda, os queixos de Cortes de Muar, as sidras Maeloc, as galletas mariñeiras de Daveiga, as marmeladas de Amorodo, os xeados de Bico de Xeado, os iogures de Arqueixal, os viños Ponte da Boga, os aceites Olei e máis as castañas de Naiciña.

Comparte...