San Froilán 2016 dá o pistoletazo de saída ao III Concurso de Polbeiros

San Froilán 2016 dá o pistoletazo de saída ao III Concurso de Polbeiros

O 6 de outubro ás 20 horas, na praza de abastos de Lugo, diferentes profesionais de Galicia competirán por gañar o III Concurso de Polbeiros de Lugo. O certame enmárcase na celebración de San Froilán 2016 e como non podía ser doutra maneira, trala competición haberá degustación para os asistentes á cita.

Os membros do xurado encargados de decidir quen leva o galardón serán Alberto Traversa de A Alacena Roja, Ton Mugico de BenBo, Álvaro Villasante do restaurante Paprika de Lugo, Mercedes Fernández Rey, docente de Hostalería e Turismo do IES de Sanxiao de Lugo (Escola de Hostalería e Turismo) e Alejandro Méndez do restaurante Os Cachivaches, gañador do concurso de Tapas de Lugo 2015.

O polbeiro que obteña o mellor resultado recibirá un premio de 1.000 euros, mentres que o segundo mellor puntuado conseguirá un aloxamento dunha noite para dúas persoas no Balneario de Lugo. Todos os participantes levarán un lote de produtos do Mercado Municipal e un diploma acreditativo.

O concello da cidade busca con esta iniciativa, na que colabora Aceites Abril, impulsar e visibilizar o traballo dos polbeiros en Galicia, poñendo á súa vez en valor o tradicional e tan ben valorado polbo á feira, un símbolo das festas de San Froilán.

Comparte...