O SANTIAGO(É)TAPAS 2012 MÁIS EXITOSO

O SANTIAGO(É)TAPAS 2012 MÁIS EXITOSO

O concurso Santiago(é)Tapas case acada a cifra de 33.000 petiscos vendidos na súa V edición, que se celebrou do 26 de outubro ao 11 de novembro, sendo unha cifra nunca acadada na celebración deste evento gastronómico.

Os organizadores e participantes están moi satisfeitos co seu desenvolvemento, que dinamizou o sector na capital de Galicia e fixo de Compostela a capital da mellor cociña en miniatura. Composteláns, turistas e visitantes puideron gozar de 117 creacións a un prezo de 2 euros en 72 establecementos participantes.

Os gañadores e finalistas deste concurso coñeceranse na Festa do Socio e de Santa Marta da Asociación Hostelería Compostela, que se celebrará o mércores 28 de novembro na Capela do Hostal dos Reis Católicos.

O xurado designará tres premios: o primeiro premio á mellor tapa conta con 2.000 euros; o segundo, con 1.200 euros; e o terceiro galardón é de 1.000 euros. Ademais, o público tamén asignará dous premios. O creador da mellor tapa para o público recibirá 800 euros; e o establecemento que acadou a maior excelencia e grao de satisfacción do público acadará 500 euros.

O evento deste ano dedicou tamén unha atención especial aos celíacos, con creacións aptas para o colectivo. A Asociación de Celíacos de Galicia colaborou coa organización. Tamén houbo petiscos vexetarianos e doces.

Comparte...