Pulpeira y pulpeiro

Segundo Concurso de Pulpeiras no San Froilán lucense

Rematado o concurso de tapas de Lugo 2015, Xantar de Tapas, chega á cidade amurallada a gran festa do outono galego, San Froilán, cun rito gastronómico ineludible para os centos de miles de persoas que visitan a cidade durante as súas festas e ao longo de todo o mes de outubro: acudir as casetas do parque ou ás pulperías fixas da cidade a comer o polbo. Quen non viviu un San Froilán non sabe o que é festa!.

Como non podía ser doutra maneira na cidade que seguramente máis polbo consume de toda Galicia, os profesionais do polbo teñen cita na segunda edición do Concurso Polbeiras e Polbeiros San Froilán 2015, que se celebrará o xoves 8 de outubro no Mercado Municipal de Abastos, a partir das catro e media da tarde en que os participantes poderán comezar a instalarse nos seus postos. Un xurado profesional será o encargado de outorgar os premios: 1.000 euros para o gañador e aloxamento dunha noite para dúas persoas máis almorzo e circuíto termal no Balneario de Lugo.

O mesmo día coñeceranse os gañadores de Xantar de Tapas, no acto de entrega dos premios, que terá lugar ao mediodía.

Gastroarte

Por outra parte, durante as festas de San Froilán celébrase a II Feira de Artesanía e Gastronomía Gastroarte, que ten como obxecto recuperar o ambiente da feira tradicional que foi a orixe das festas do San Froilán.

Esta feira acolle postos de artesanía e gastronomía, nunha mestura que presenta o bo facer de artesáns e produtores. A feira conta con expositores montados en casetas individuais situadas na mediana da avenida Ramón Ferreiro. Queixos, pan, licores, marmeladas, doces, viños embutidos e moitos outros produtos de alimentación se dan cita en Gastroarte.

Comparte...