O viño ‘Sin Palabras’, Medalla de Prata do Decanter Worlk Wine Awards en Londres

O viño ‘Sin Palabras’, Medalla de Prata do Decanter Worlk Wine Awards en Londres

Adegas Castrobrey obtén outro recoñecemento, neste caso a través da 14 Edición do Decanter World Wine Awards 2017, celebrada en Londres en maio. As marcas que foron recoñecidas coa Medalla de Prata conseguiron unha puntuación de 91- 100 puntos, e un deles foi o Sin Palabras Edición Especial 2010.

Este concurso internacional de carácter anual conta xa con 14 anos de historia. É un dos Concursos internacionais de viños e destilados máis importantes do mundo. Cada ano desenvólvese en Londres. O xurado está formado por 219 xuices, dos cales 65 son Masters of Wine, e 20 mestros Sommeliers. As catas son realizadas “a cegas” e avaliadas dun xeito diferente, tanto o desenvolvemento da cata, información previa de cada viño e a maneira de puntuar. Cada día cátanse uns 80 viños, onde tamén se valora a relación calidade-prezo. Nesta ocasión, catáronse 17.200 viños de 50 países.

O premio é unha boa noticia para esta pequena adega cruceña “xa que pon en valor o esforzo de deixar durante anos ‘descansando’ a este viño para buscar así un viño ‘maduro’. Todo iso fai que pagara a pena a espera e é un incentivo para buscar este tipo de viños”, explican desde a adega.

Adegas Castrobrey, D.O. Rías Baixas 

Adegas Castrobrey é unha adega familiar fundada por José Castro Brey e Isabel Pereiro Becerra en 1983, hoxe con tradición de tres xeneracións. É unha das adegas máis interiores de Galicia, dentro da D.O. Rías Baixas. Combina a produción artesanal dentro do viñedo coas técnicas máis avanzadas de criomaceración e de fermentación controlada en aceiro inoxidable. As súas instalacións están situadas dentro da D.O. Rías Baixas (subzona do Ulla) na localidade de Camanzo. Un lugar máxico nun entorno e unha paisaxe singular, onde hai una extensión de 7 ha de viñedo (con diferentes variedades brancas como albariño, treixadura, godello e tintas como mencía, caíño tinto, brancesllao e sousón) con idades que oscilan dos 10 aos 60 anos. Os viñedos atópanse dentro dos antigos límites do convento de San Salvador de Camanzo, auténtica “viticultura monacal”, zona na que predominan chans compostos por arxila, cuarzo e ferro, cunha base granítica e un clima con clara influenza atlántica (temperatura media de 17º, pluviometría de 1200mm/m2 e unhas 2300 horas de sol).

Comparte...