A Tafona, o restaurante de Lucía Freitas, faise coa súa primera estrela Michelin

A Tafona, o restaurante de Lucía Freitas, faise coa súa primera estrela Michelin

Imaxe: Facebook A Tafona

Galicia brilla cunha nova estrela: A Tafona, o restaurante de Lucía Freitas, acaba de ser recoñecido coa máxima distinción gastronómica que outorga a Guía Michelin. Así o anunciaban onte desde Lisboa, lugar no que se celebrou a gala de presentación da nova edición da guía vermella para o 2019.

A chef compostelá, que estivo presente na celebración, mostrouse “moi feliz” por ter conseguido a prestixiosa estrela en declaracións para Michelin España, ademais de dar as grazas ao “grande equipo” que a acompaña no seu restaurante e que tamén “está detrás” do galardón.

Os inspectores de Michelin destacan a “gran fineza” da cociña de A Tafona, con unha proposta de “corte moderno, con moito sabor, boa técnica e elegantes maridaxes”. Ademais, destaca do seu local a combinación das súas “rechamantes paredes en pedra con unha preciosa escaleira, un lucernario e algún que outro detalle de deseño”.

Deste xeito, Freitas e o seu restaurante únense ao Olimpo gastronómico da península, na que este ano se sumaron outros 24 establecementos con unha estrela, 4 con dúas estrelas e 1, o restaurante Dani García de Marbella, con 3 estrelas Michelin. Un dobre éxito para a chef compostelá se temos en conta, ademais, que o restaurante neoyorkino Tomiño, do que é Chef Manager, obtivo este mesmo mes o título de Bib Gourmand na edición da guía na cidade.

A nivel autonómico Galicia mantense co mesmo número de estrelas: 11 coa incorporación de A Tafona e a baixa de Alborada, que pechou as súas portas o mes pasado. Casa Solla e Culler de Pau, que un ano máis entraba en tódalas quinielas para levarse o dobre recoñecemento, terán que esperar un ano máis para intentar facerse cos dous astros de Michelin para os seus locais.

Alén destas distincións, 22 novos restaurantes galegos sumaranse coma establecementos recomendados na Guía do 2019.

Listado de locais cunha estrela Michelin 2019:

  • Maruja Limón, Vigo (Pontevedra)
  • Culler de Pau, O Grove (Pontevedra)
  • Casa Solla, Poio (Pontevedra)
  • Casa Marcelo, Santiago de Compostela (A Coruña)
  • Pepe Vieira, Poio (Pontevedra)
  • Yayo Daporta, Cambados (Pontevedra)
  • As Garzas, Malpica (A Coruña)
  • Retiro da Costiña, Santa Comba (A Coruña)
  • Nova, Ourense (Ourense)
  • Árbore da Veira, A Coruña (A Coruña)
  • A Tafona, Santiago de Compostela (A Coruña)
Comparte...