Tapas con Estrela Michelin na apertura de ‘Espacio Mahou’ Coruña

Tapas con Estrela Michelin na apertura de ‘Espacio Mahou’ Coruña

O ‘Espacio Mahou Coruña’ abriu as súas portas ao público e a inauguración converteuse nunha mostra das actividades que acollerá ata o 16 de xullo. Varios rostros coñecidos do cine e a televisión como Nerea Barros, actriz galega gañadora dun premio Goya; Manuela Vellés ou Juan Ibáñez, colaborador do programa ‘El Hormiguero’ quixeron estar presentes na apertura do Espacio. O director de Marketing de Mahou, Ignacio Cormenzana, explicou na presentación que Espacio Mahou Coruña aspira a “complementar a estupenda oferta de ocio que existe na cidade” e destacou a aposta polo talento local ao incorporar ao proxecto “a empresarios, deseñadores, chefs e artistas coruñeses e galegos co obxectivo de poñer en valor e dar a coñecer o seu fantástico traballo”

No evento, que foi presentado polo presentador do tempo Martín Barreiro, quedou patente que a música en directo será un elemento fundamental na programación de Espacio Mahou Coruña. Artistas de primeiro nivel protagonizarán os encontros musicais que se celebrarán cada semana e como adianto, a inauguración contou coa música en directo da cantautora Zahara.

A gastronomía será outro dos grandes protagonistas, chefs de referencia e con Estrela Michelin realizarán exhibicións culinarias no Espacio Mahou. O primeiro en cociñar foi o coruñés, Juan Crujeiras, chef do restaurante ‘Bido’ e Estrela Michelin con ‘La Estación’ de Cambre, que se encargou de preparar e explicar ante o público asistente as tapas do evento de apertura. Ao evento tamén asistiu o chef do restaurante coruñés con Estrela Michelin, Árbore da Veira, Luis Veira.

Trala inauguración, Espacio Mahou Coruña abriu as súas portas ao público co mercado de deseño e novos creadores no que nas próximas semanas, 16 marcas galegas de roupa, complementos e obxectos de deseño darán a coñecer as súas mellores creacións. As catro primeiras son firmas coruñesas: Khett, Manolo Cremallera, Old Dogs Clothing e La Madrina de Candela. O mercado estará aberto todos os días de 12:30 a 14:30 e de 18:30 a 21:30.

 

Comparte...