A terceira edición do Foro Galicia Alimentación celebrarase en xuño

A terceira edición do Foro Galicia Alimentación celebrarase en xuño

O III Foro Galicia Alimentación, organizado polo Clúster Alimentario de Galicia, celebrarase o próximo 14 de xuño no edificio CINC da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Esta cita, pretende analizar o panorama actual e o futuro da industria alimentaria e de bebidas contando con profesionais e expertos do sector.

O Foro Galicia Alimentación 2018 divídese en 2 bloques. O primeiro dedícase aos desafíos do sector alimentario (o mercado global, a innovación e as persoas). Así ás 10 da mañá do día 14 de xuño, iníciase o evento coa recepción e o acto de inauguración A continuación o programa comeza cun panel de expertos e posterior debate, no que participan profesionais como Ana Ruíz Sanchez (entrepreneurship Programs Director de UnLimited Spain), Valentín Bote Álvarez-Carrasco (director de Randstad Research) ou Diana Roig Vila (manager de Health& Nutrition de Unilever España).

O segundo bloque, titulado “Panorama actual e futuro do sector de alimentación e bebidas”, iniciarase pasadas as 12 da mañá. Este panel contará con tres conferencias ofrecidas por especialistas como Miguel Conde Lobato (director xeneral creativo e fundador de BAP & CONDE) ou Javier Millan-Astray Romeu (director xeral da Asociación Nacional de Grandes Empresas de Distribución de ANGED). Ademais, para finalizar o bloque levarase a cabo un debate, moderado por Miguel Ángel Otero Simón, profesor da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela.

Para finalizar o evento, ás 14.00 h, terá lugar a entrega dos IV Premios Galicia Alimentación, que buscan promocionar produtos alimentarios, bebidas, proxectos, empresas e institucións. Nesta cita entregaranse 3 premios: un premio ao mellor proxecto empresarial, un premio ao produto innovador do ano e outro á mellor estratexia de mercado e internacionalización.

O programa completo do evento pode consultarse online e a inscrición para asistir realízase a través dun formulario dispoñible na páxina web do Clúster Alimentario de Galicia.

Comparte...