Tónica Premium con auga do atlántico, Bágoas do mar

Tónica Premium con auga do atlántico, Bágoas do mar

Soa a título de canción triste da terra meiga pero sen embargo é o nome dunha tónica única feita con auga procedente dos cantiis do litoral da Costa da Morte. Iso é Bágoas do Mar. Unha nova proposta froito da terceira xeración de Carbónicas Landeira S.A., que aposta por facerse un sitio no mercado con esta tónica Premium composta por un 7,5% de auga mariña do Atlántico Norte Central.

Estas augas son moi ricas en iodo e sales minerais, que ao ser tratadas sen utilizar ningún tipo de aditivo químico nin disolventes, achéganlle a esta bebida unhas características únicas. Bágoas do mar, é unha tónica con aromas a cítricos e quinina, que garanten un sabor diferente, fresco e moi acentuado pola auga mariña.

Limpa, brillante, cristalina con burbulla grande e persistente é unha bebida moi refrescante perfecta tanto para beber soa ou como acompañante en combinados. A empresa afincada en Santa Comba, que embotella marcas tan recoñecidas como a gasosa Pitusa, é consciente que a febre polos “gin-tonics” fixo da tónica unha bebida de moda. Tras anos de estudo, esforzo e análise do sector decidiron apostar innovando, engadindo a este produto premium un toque diferente que achega matices novos aos combinados tan demandados hoxe en día.

Carbónicas Landeira S.A é unha planta embotelladora de bebidas refrescantes en Galicia que naceu en 1945 e actualmente está situada como unha das principais empresas do sector. Unha traxectoria empresarial coa que conseguiron ser un referente, mantendo a tradición, e adaptándose ás novas tendencias de mercado.

Comparte...