Un total de 49 bodegas da D.O. Rías Baixas participaron na London Wine Fair

Un total de 49 bodegas da D.O. Rías Baixas participaron na London Wine Fair

A D.O. Rías Baixas viaxou esta semana a Londres para presentar os seus viños na London Wine Fair. A feira, que termina hoxe e que leva en marcha desde este mércores día 21, acolleu a 49 adegas da D.O.Rías Baixas, que presentaron, de forma conxunta e cun wine bar, a un total de 87 marcas.

Os viños da D.O. Rías Baixas están a chamar a atención dos profesionais do sector que visitan a feira. Catadores, importadores, encargados de compras ou restauradores, son os principais profesionais que visitan a feira e que durante os seus tres días de duración se achegaron polo wine bar de Rías Baixas. Aínda que xa coñecen os viños da D.O., sobre todo o albariño, estes profesionais buscan coñecer de primeira man o traballo que levan a cabo as adegas pertencentes a esta denominación.

Para presentar os viños da D.O., Rosa Martínez, técnica do Departamento de Márketing e Ramón Huidobro, secretario xeral, desprazáronse a Londres para atender aos visitantes e poder explicar detalles sobre as variedades de viños presentadas na feira celebrada no recinto de Olympia.

A importancia deste evento para a D.O. Rías Baixas é moi alta, xa que o Reino Unido é o segundo importador de viño do mundo. De feito, Gran Bretaña aumentou nun 37,7% as súas exportacións de Rías Baixas durante o pasado exercicio. Tendo en conta que España é o cuarto país exportador de viño a Reino Unido, a London Wine Fair é un evento moi importante para o sector. De feito, a D.O. Rías Baixas ten previstas outras actividades neste mercado, como ceas con cata de Rías Baixas e explicación, dirixidas ao consumidor final.

 

Comparte...