Tres expertos analizarán o marketing na hostalería no CIFP Compostela

Tres expertos analizarán o marketing na hostalería no CIFP Compostela

OCIFP Compostela continúa cos seus actos para conmemorar o 50 aniversario da súa creación. Despois da inauguración oficial coa presencia do chef Martín Berasategui, a escola ten programado para o vindeiro martes 25 de abril unha ponencia con tres expertos nacionais, de 10 a 12 da mañá, para falar sobre ‘O marketing na hostalería: O futuro xa está aquí’.

Diego Coquillat ofrecerá unha ponencia que levará por título ‘O social media restauranting do futuro’. Actualmente dirixe a axencia SMRestauranting e é profesor en varios centros como a Universidade de Alacante, a UNED, a Escola Chicote e o Basque Culinary Center, entre outros.

O segundo dos ponentes é Daniel Iglesias, experto na creación de estratexias de comunicación en Internet, fundador de Soyunamarca.com e organizador do Congreso de Marketing Gastronómico “Gastromarketing”. Iglesias actualmente dá clases na Lab School de Málaga e no MBM Master de Marketing de Negocios da Universidade de Málaga.

Erika Silva é outra das expertas que protagonizarán a xornada. Fundadora da Escola de Marketing Gastronómico Online, Silva falará sobre os cambios de futuro na xestión dos restaurantes.

Debido ao aforo limitado do salón de actos do CIFP Compostela, os interesados en asistir a calquera das actividades deberán inscribirse previamente a través da web http://50cifpcompostela.com/gl/, onde tamén se poderá consultar o programa completo. A participación, tanto para as conferencias como para os Showcooking-Cata, é gratuíta.

Os actos do 50 aniversario continuarán durante os meses de maio, outubro e novembro. A seguinte cita do programa será unha ponencia sobre o ‘Futuro da intermediación na hostalería’, onde falarán responsables das empresas Atrápalo.com e ElTenedor. Tamén están organizados para o mes que ven dous Showcooking-Catas a cargo da Denominación de Orixe Ribeira do Douro e do chef Alberto Lareo, do restaurante Manso de Santiago, centrado na cociña de las algas.

Comparte...