O Túnel do Viño de Cambados permite catar 161 marcas

O Túnel do Viño de Cambados permite catar 161 marcas

O Túnel do Viño e as Catas Temáticas son dúas iniciativas enmarcadas na celebración da LXVI Festa do Albariño de Cambados que teñen como obxectivo que os amantes do viño poidan coñecer ata 161 marcas dun total de sesenta adegas da D.O. Rías Baixas por un prezo total de quince euros . Ámbalas dúas accións, que se desenvolverán ata o vindeiro domingo día 5 no Salón José Peña da localidade pontevedresa, permítenlles aos visitantes “nunha contorna máis íntima, silenciosa e profesional, saber máis en profundidade que están a facer as adegas de Rías Baixas”, tal e como subliñou Juan Gil Araujo, presidente do Consello Regulador no acto de apertura. A este acto, que tivo lugar o xoves, asistiron tamén, entre outros, o secretario xeral do Consello, Ramón Huidobro; o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; e a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal.

O salón permanecerá aberto o venres de 12:00 a 14:30 horas e de 19:00 a 21:30 horas, mentres que o sábado e o domingo abre de 11:00 a 15:00 horas. En paralelo, serán once as adegas de Rías Baixas que organizarán ata trece catas temáticas.

O pasado ano, participaron nestas actividades máis de 700 persoas, cifra que os organizadores confían en incrementar este ano. Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta, comentou respecto diso que tanto o Túnel do Viño como as Catas Temáticas son “un magnífico complemento para ou núcleo central da festa”, mentres que a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, avogou por manter a colaboración entre o Concello de Cambados e Consello Regulador para repetir iniciativas exitosas como esta.

 

Comparte...