Dezaseis locais implícanse co turismo gastronómico e experiencial en Malpica

Dezaseis locais implícanse co turismo gastronómico e experiencial en Malpica

Dezaseis locais implicados na creación do proxecto de turismo experiencial ‘Malpica. O mar de Sisargas’ recibiron xa o distintivo que os acredita como parte da ‘Rede de hostaleiros O mar de Sisargas’.

Foi o pasado sábado, coa presentación deste proxecto por parte da secretaria xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez Carballo, que estivo acompañada do alcalde, Eduardo J. Parga; o presidente e xerente do GAC 3 Costa da Morte, Evaristo Lareo e Guillermo González, respectivamente, e o director da execución do proxecto, Pedro Tasende.

O obxectivo da iniciativa, financiada con 44.ooo euros procedentes dos fondos europeos GAC (Grupo de Acción Costeira), é recuperar e poñer en valor os recursos existentes na vila, dun xeito sostible.

Para iso, traballouse en dúas liñas de actuación principais: a creación dunha rede de dinamizadores integrada por hostaleiros da vila e a posta en marcha dunha ferramenta TIC, que permite acceder de forma gratuita aos contidos xerados a modo de realidade aumentada.

Respecto da primera liña de actuación, a que implica aos hostaleiros, creouse unha marca turística conxunta que pon en valor o turismo gastronómico da vila e que se materializa cos distintivos antes citados.

En relación coas ferramentas TIC, existen distintos puntos de información ao longo da zona urbana de Malpica en forma de códigos QR xeolocalizados. En concreto, hai tres rutas definidas: ‘Tras os pasos de Lugrís’, ‘O Porto’ e o ‘Balcón das Sisargas’. Ao longo dos sendeiros están colocados 11 puntos de información QR e catro paneis informativos, que dan acceso a textos, fotos, 5 audioguías e 4 vídeos. Ata a data, os contidos dos códigos QR recibiron máis de 2.000 visitas.

Comparte...