Turismo presenta en Madrid o programa “De tapas por Galicia”

Turismo presenta en Madrid o programa “De tapas por Galicia”

A iniciativa ten como obxectivo promover a gastronomía galega a través dos principais concursos de tapas que se celebran en outono na nosa comunidade.

Turismo ven de presentar en Madrid o programa, iniciativa da Xunta de Galicia, ‘De tapas por Galicia’, polo cal promoveranse conxuntamente por primeira vez o Concurso de tapas ‘Picadillo’, da Coruña; ‘Tapéate Ferrol’; o Concurso de tapas de Lugo, o ‘Concurso de pinchos de outono sabores de Ourense’; ‘Pontedetapas’, de Pontevedra; ‘Santiago(é )tapas’; e o ‘Concurso de tapas de Vigo Vello’.

Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, salientou que esta campaña supón a unión dos 7 certames “e sen minguar a personalidade individual de cada evento conseguiuse xerar un produto rexional con proxección no exterior”. “Hoxe a gastronomía ocupa o segundo lugar en canto ás motivacións que teñen os turistas para visitar a comunidade galega”, engadiu.

Para completar a promoción editarase unha guía impresa coa oferta culinaria máis importante das sete grandes cidades galegas, cun apartado específico sobre esta campaña e sobre os premios que outorgarán Turismo de Galicia e a compañía Hijos de Rivera SAU, a través da súa marca Estrella Galicia.

Por outra banda xa está dispoñible a web de ‘De tapas por Galicia’, desde a que se pode acceder ó concurso no que se premiará a fotografía da tapa subida polos participantes máis votada no Facebook de Turismo de Galicia. O gañador acadará unha noite para dúas persoas nun hotel da cidade que elixa e unha cea nun restaurante con categoría Sol Repsol ou Estrela Michelin. A mellor tapa maridada con cervexa e elixida por un xurado especializado conseguirá o premio Estrella Galicia.

Os asistentes á reunión en Madrid puideron degustar as catro tapas gañadoras dos concursos celebrados o ano pasado nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, realizadas para a ocasión polos cociñeiros Sebastián Barral, da Coruña, José Antonio Portela, de Lugo; José Luis Fernández, de Ourense; e Idoia Correa e Xosué Casanova, de Vigo.

Mañá martes, o restaurante Alegra, no centro comercial Maremagnum de Barcelona, acollerá o acto de promoción do programa na Cidade Condal, na que ademais os cociñeiros Daniel López Vázquez, de Ferrol; Iñaki Bretal, de Pontevedra; e Lucía Freitas, de Santiago, prepararán a tapa gañadora na edición de 2013 do respectivo certame celebrado en cada unha destas tres cidades.

Comparte...