presentacionguias

O GDR Ulla Tambre Mandeo promociona os seus recursos con dous roteiros e un receitario asinado por Lucía Freitas

O  GDR Ulla Tambre Mandeo presentou esta semana en Arzúa as guías de dous roteiros turísticos que permiten coñecer os principais recursos dos nove  concellos que a forman: Arzúa, Boimorto, Melide, O Pino, Santiso, Sobrado, Toques, Touro e Vilasantar, todos eles pertencentes ao xeodestino Terras de Santiago.

Estes roteiros, circulares e de ao redor de 70 quilómetros, propóñense para facer en coche co obxectivo de achegar aos visitantes á gran riqueza -natural, patrimonial, etnográfica ou gastronómica- da zona. Os percorridos animan a descubrir atractivos tan diversos como  fervenzas, lagoas ou encoros; dolmens da época  megalítica, igrexas e mosteiros de distintas épocas; ou  batanes, muíños e museos dedicados a produtos típicos ou tradicións.

Confluencia de tres roteiros xacobeos

Na presentación participaron representantes do  GDR, encabezados polo seu presidente, Manuel Taboada, quen destacou, ademais, que se trata dunha zona de gran relevancia no roteiro xacobeo, pois nel conflúen o Camiño Francés, o Primitivo e o Camiño do Norte. “Cada ano recibimos a  milleiros de  persoas en peregrinación que  atravesan o  noso territorio e que, en  moitas  ocasións, marchan  sen descubrir todo ou que  temos  máis  aló  do  Camiño”, lamentouse. Por iso, considerou como prioritaria esta promoción turística da zona.

Receitas elaboradas con produtos representativos da zona

No capítulo gastronómico, as guías complétanse cun receitario elaborado pola chef con estrela  Michelín Lucía  Freitas, quen utilizou como ingredientes produtos tan representativos como o queixo da DOP Arzúa-Ulloa ou a repostería tradicional de Melide, coñecida polos seus  melindres, ricos e  almendrados.

Iniciativas de promoción turística e desenvolvemento rural

A presentación completouse cun pequeno percorrido en autobús no que tomaron parte dezaseis invitados vinculados ao turismo desde distintos ámbitos, quen tivo a oportunidade de coñecer, xunto a unha guía, a igrexa  románica de Santa María de Melide, o mosteiro  prerrománico de San Antolín de Toques e a lagoa e o mosteiro barroco de Sobrado dos Monxes, cuxa fachada acaba de ser restaurada.

Así mesmo, puideron coñecer iniciativas que, beneficiándose dos fondos europeos Leader, están a desenvolverse para incrementar o potencial turístico do  GDR e contribuír á dinamización económica dunha área eminentemente rural.

Menú degustación

Para finalizar, os participantes nesta xornada puideron gozar dun menú degustación con produtos típicos da zona que correu a cargo do restaurante melidense O  tobo  do lobo.

Comparte...