A Ulloa recibiu os hostaleiros lucenses na festa anual da Apehl

A Ulloa recibiu os hostaleiros lucenses na festa anual da Apehl

A comarca da Ulloa foi o escenario elixido este ano para o encontro dos profesionais da hostalería da provincia de Lugo

Durante a xuntanza, no Restaurante Val, en Antas de Ulla, procedeuse á habitual entrega de galardóns que a Apehl lles outorga a hostaleiros cunha longa traxectoria no sector e a persoas ou a colectivos que colaboran na difusión dos atractivos turísticos da provincia desde os seus respectivos ámbitos laborais.

Por reivindicar a súa orixe lucense, por poñer en valor a provincia aló por onde vai e polo seu apoio incondicional á marca gastroturística … E para comer, Lugo, José Ramón Ónega López recibiu a Medalla de Ouro da Apehl de mans do seu presidente, Cheché Real, quen, posteriormente, destacou no seu discurso o seu labor á fronte da Casa de Galicia en Madrid, “institución desde a que proxecta as excelencias da nosa comunidade autónoma no exterior” e que sempre pon “á disposición desta Asociación”.

Así mesmo, a asociación de hostaleiros lucenses tamén quixo poñer de relevo o mérito do compromiso coa marca … E para comer, Lugo de tres organizacións que levan tempo colaborando en diversas iniciativas da Apehl, como a participación cun posto promocional na Vuelta Ciclista a España. Son a Asociación de Avicultores da Raza Galiña de Mos (Avimós), Armadores de Burela e o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, que foron nomeados Embaixadores Hostaleiros da Provincia de Lugo. Real referiuse a elas como “tres entidades que, cada unha no seu respectivo ámbito, se esforzan por mellorar a calidade das materias primas”, ás cales, posteriormente, os hostaleiros lles dan saída nos seus establecementos.

Por último, o Premio a toda unha vida nos fogóns recaeu no hostaleiro José Antonio Pardo Portomeñe, propietario do restaurante Pacior de Monterroso, que el mesmo fundou, xunto á súa muller, no ano 1981.

Comparte...