Recoñecementos e celebracións para a D.O. Valdeorras

Recoñecementos e celebracións para a D.O. Valdeorras

Valdeorras amplía as Xornadas de Portas Abertas ao público de Ponferrada e Lugo con transporte gratuíto. Ademais, dúas marcas da Adega Santa Marta obtiveron senllos recoñecementos no Concurso Mundial de Viños de Bruxelas

A V edición das Xornadas de Portas Abertas das Rutas do Viño de Galicia, que organiza a Axencia de Turismo de Galicia, celebrarase na comarca de Valdeorras os días 28 e 29 de maio. Oito adegas, dous aloxamentos, dous restaurantes e unha empresa de turismo activo pertencentes á Ruta do Viño valdeorresa participan nestas xornadas nas que a base son as visitas gratuítas a adegas, os prezos especiais nos aloxamentos e os menús preparados para a ocasión.

Ademais, este ano, engadiuse transporte gratuíto para poder visitar as adegas durante o fin de semana. Este ano haberá catro minibuses na ruta do sábado e cada un deles visitará dous das oito adegas dispoñibles e o domingo poñeranse a disposición dos visitantes de Lugo e Ponferrada.

O programa deste ano mantén a festa de portas abertas que se celebrará o sábado 28 de 19:30 a 21:30 horas no Paseo do Malecón do Barco. Alí  os visitantes poderán degustar os viños das adegas a un prezo especial mentres escoitan a música do grupo valdeorrés Los Íñigos e degustan petiscos elaborados polos restaurantes da Ruta.

Concuso Mundial de Viños de Bruxelas

Viñaredo Barrica Sousón (2011) foi distinguido cunha medalla de ouro, e Viñaredo Godello (2015) obtivo unha de prata. Ambos os dous viños, elaborados pola Adega Santa Marta, foron os únicos da D.O. Valdeorras que resultaron premiados neste relevante certame, no que tamén se distinguiron a outros 18 viños galegos (13 da D.Ou Rías Baixas e 5 da D.O Ribeiro).

Comparte...