Comeza a vendima 2016 en Galicia, na D.O. Ribeira Sacra e en Godeval, de Valdeorras

Comeza a vendima 2016 en Galicia, na D.O. Ribeira Sacra e en Godeval, de Valdeorras

As adegas da D.O. Ribeira Sacra e Godeval, en Valdeorras, empezan os seus traballos na vendima 2016

A vendima 2016 xa comezou en Galicia. O 9 de setembro púñase en marcha a recollida na Ribeira Sacra, concretamente en Dominio do Bibei, en Manzaneda (Ourense), pertencente á subzona de Quiroga-Bibei. Despois sumáronselle Jorge Feijoo González, na Teixeira; e Adega dos Taboada, en Castro Caldelas, ambas da subzona de Ribeiras do Sil.

O presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez González, e as adegas de maior volume manifestaron o seu acordo de primaren a entrada de uva de calidade e manteren a estabilidade nos prezos respecto campañas anteriores. Esas adegas son: Bodegas de Rectoral de Amandi S.A.U., Adegas Moure S.A., Bodegas de Santa María de Nogueira S.L., Adegas e Viñedos Via Romana S.L., Adega Ponte da Boga S.L., Regina Viarum S.L. e Val de Quiroga.

En Valdeorras, Godeval comezou a vendima o 12 de setembro cun lixeiro atraso respecto das datas da colleita 2015. Os traballos comezaron na leira Portela, no concello de Vilamartín, e nos próximos días irase ampliando ao resto das súas parcelas.

Do mesmo xeito que noutras denominacións, agardan unha campaña complicada derivada das condicións meteorolóxicas previas. Segundo apuntan desde Godeval:” As uvas que agora se recollen desenvolvéronse cunha primavera con choiva de abondo o que incrementou o risco de mildiu. Ademais, a isto uniuse que o período de floración estivo marcado polo frío e a choiva polo que se alongou o tempo de fecundación e callado de acios. A continuación, as ondas de calor con altas temperaturas estresaron as plantas por seca e exceso de calor. O verán tamén trouxo consigo tormentas con pedrisco”.

Malia todo, desde Godeval cren que van conseguir unha vendima “normal” en cantidade e de calidade excelente, grazas a que “a uva está sa e madura, o rendemento en mosto vai ser moi baixo porque os grans de uva son pequenos e teñen pouca proporción de pulpa e mollo”.

Como comparativa poñen que, na do pasado ano, vendimiaron 127.000 quilos, unha produción baixa pero de boa calidade.

Comparte...