Verín acollerá o día 26 un obradoiro para coñecer en profundidade os viños da DO Monterrei

Verín acollerá o día 26 un obradoiro para coñecer en profundidade os viños da DO Monterrei

O Museo Claustro Mercedario de Verín acollerá o vindeiro martes 26 de novembro un obradoiro que ten como obxectivo coñecer en profundidade os viños amparados pola denominación de orixe Monterrei.

Así, ademais de dar conta das súas características organolépticas, o obradoiro ofreceralles aos participantes explicación prácticas dos principais atributos dos viños branco e tinto para poder saber cal é a súa estrutura química, como inflúe na percepción e potenciación e tamén identificar novas formas de detección destes viños.

Con actuacións coma esta, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) pretende formar e adestrar aos compoñentes dos paneis de cata oficiais das distintas denominacións de orixe, para garantir así o recoñecemento da calidade organoléptica dos produtos de calidade avalados polos distintos selos. De aí, que o taller estea principalmente dirixido a viticultores, bodegueiros, enólogos, persoal técnico das adegas e dos consellos reguladores; así como persoal investigador interesado no tema.

Impartirán a actividade o director técnico da DO Monterrei, Luis Miguel López; o enxeñeiro técnico agrícola da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) Juan Carlos Vázquez; e o presidente da Asociación Galega de Enólogos, Luis Buitrón.

O obradoiro, que terá lugar pola tarde, conta con 25 prazas dispoñibles. O prazo de inscripción remata o mércores 25 de novembro. Os interesados poderán consultar o programa a través da páxina oficial da Evega, onde tamén terán á súa disposición a folla de inscripción.

Comparte...