Vermú St Petroni inicia unha nova xira de catas polas escolas de hostalaría de Galicia

Vermú St Petroni inicia unha nova xira de catas polas escolas de hostalaría de Galicia

O vermú galego St Petroni, o único do mercado elaborado con Albariño sobre lías, inicia mañá unha xira que se estenderá ata o comezo do próximo curso lectivo polas escolas de hostalaría galegas, tras o éxito da actividade realizada con alumnos do I.E.S de Foz. O primeiro centro que visitarán será o C.I.F.P Hostalaría Carlos Oroza en Pontevedra, onde máis de 50 alumnos asistirán a unha charla informativa e a unha cata, na que se explicarán todas as características deste aperitivo, as mellores maridaxes e o seu proceso de elaboración tradicional.

Os responsables de St. Petroni consideran imprescindible achegar os produtos innovadores que están a saír ao mercado aos profesionais do futuro, xa “que son os que a medio prazo dinamizarán e liderarán o sector. ” Segundo Cristina Codesido, “o contacto entre os profesionais de ambos os dous ámbitos é fundamental, xa que é así como se constrúe unha relación que xere sinerxías e impulse a nosa imaxe a nivel estatal. Queremos crear inquietudes, motivar e facer ver aos estudantes o importante que é apostar polo produto galego, e mostrarlles as posibilidades das materias primas que ten a nosa terra. Apostamos por este tipo de colaboración como motor para que xurdan novas ideas nos máis novos”.

O vermú padronés prevé realizar máis accións destas características tanto en escolas galegas coma fóra da comunidade, promovendo o intercambio de ideas e información entre produtores e futuros hostaleiros. Un modelo de traballo sólido e enriquecedor tanto para as marcas coma para os alumnos, segundo os propietarios de Vermutería de Galicia.

Comparte...