O vestiario de La Galiciana estará deseñado polos alumnos da EASD Mestre  Mateo

O vestiario de La Galiciana estará deseñado polos alumnos da EASD Mestre Mateo

La  Galiciana, o primeiro mercado gastronómico de Galicia, colabora coa EASD Mestre Mateo para o deseño do seu vestiario. O uniforme dos traballadores dos locais deste mercado, que abrirá proximamente na rúa Gómez Ulla de Santiago, realizarase a través dun acordo de colaboración no marco da súa Responsabilidade Social Corporativa.

Trátase dunha aposta por unir o saber facer galego a través de dous elementos tan diferentes como son a moda e a gastronomía. Para Benigno Sánchez, xerente de La Galiciana,  “o noso Mercado constitúe un escaparate da esencia de Galicia; unha pasarela continua na que enxalzar creacións gastronómicas e a cultura e riqueza da nosa terra, na que non podiamos deixar de lado a arte e a moda, campos nos que tamén destacamos con moitísimo talento en Galicia”.

A  Galiciana é un mercado  gastrogalaico que abrirá este verán en Santiago e que contará cun total de 14 locais que mesturarán produtos moi diferentes como carnes, arroces, mariscos ou unha oferta vegana. Por iso, o deseño de vestiario para o mesmo foi un traballo complexo, que tivo que axuntar as diferenzas entre os locais e mesmo os diferentes uniformes necesarios dentro dun mesmo espazo.

Para Sandra García, profesora da  EASD Mestre Mateo e responsable de  titorizar o proxecto de colaboración con La Galiciana, o traballo entrañaba unha gran complexidade “pola variedade de usos do vestiario concibido para sala e cociña, así como pola especificidade de estilo para cada un de locais, tan diferenciados uns dos outros. Os alumnos debían escoller adecuadamente tecidos e materiais para a comodidade e funcionalidade das vestimentas e calzados e ademais reflectir a marca de La Galiciana que  combina tradición con modernidade”. Así, a responsable recalcaba o “arduo traballo de  conceptualización en cada colección deseñada, e tamén labor de investigación para obter referencias históricas e inspiracións que transmitan os valores culturais e as raíces de Galicia”

Das 6 coleccións presentadas escolléronse un total de 36  modelos, que foron deseñados por 12 alumnos de 2º de Deseño de Moda da EASD Mestre  Mateo. O vestiario combina estéticas moi diferentes adaptadas a cada un dos locais, por iso na colección aparecen deseños inspirados nos  mandilóns das avoas galegas, baseados no folclore tradicional e mesmo referencias ao famoso Entroido de Laza.

Comparte...