Víctor de la Serna, Sonia  Prince de Galimberti e César Lumbreras, premiados pola D.O. Ribeiro

Víctor de la Serna, Sonia Prince de Galimberti e César Lumbreras, premiados pola D.O. Ribeiro

A gala da sétima edición dos Premios da D.O. Ribeiro será o martes 26 de xuño, no Mosteiro de Leiro

A Denominación de Orixe Ribeiro segue dando pasos para a súa gala de premios, que terá lugar o 26 de xuño no seu tradicional emprazamento do Mosteiro de San Clodio, en Leiro.

O xornalista de El Mundo Víctor de la Serna recibirá o galardón que recoñece a Mellor tarefa de comunicación”, mentres que Sonia  Prince de  Galimberti será galardoada co premio “Muller e viño”.

Xa se sabía que o tamén xornalista César Lumbreras, responsable de Agropopular na Cadena COPE, vai ser o premio “Persoeiro de Honra” desta edición.

Perfiles de Víctor de la Serna e de Sonia Prince de Galimberti

Nos perfís facilitados dende o Consello Regulador do Ribeiro apúntase:

Víctor de la Serna Arenillas, integrante dunha saga de xornalistas, ten unha  extensísima traxectoria xornalística e actualmente é columnista en El Mundo. Ademais de noutros campos, leva escribindo sobre gastronomía e viños en distintos medios dende hai máis de tres décadas, aínda que o seu nome está especialmente ligado a  Elmundovino, do que foi impulsor e é director adxunto.

Sonia Prince de Galimberti é a presidenta da Asociación de Mujeres Amantes de la Cultura del Vino –  AMAVI. Esta entidade nada en 1996 busca aproximar a cultura vinícola ás mulleres, ao mesmo tempo que supón un alicerce para apoiar o seu traballo. Ademais é, xunto ao seu marido Massimo de Galimberti, co fundadora do club Vinoselección.

Outros premios

Ademais deses premios, na Gala da D.O. Ribeiro vanse entregar os galardóns nas categorías: “Vida entre Vides”; “Mellor viño branco de adega”; “Mellor viño branco de colleiteiro”; “Mellor viño tinto”; “Mellor servizo de viño en restaurante”; “Mellor tenda especializada – viñoteca” e “Mellor taberna – bar de viños”.

Comparte...