Avelino Lorenzo, primeiro galardoado co premio “Vida entre vides” da D.O. Ribeiro

Avelino Lorenzo, primeiro galardoado co premio “Vida entre vides” da D.O. Ribeiro

O Consello Regulador da D.O. máis antiga de Galicia recoñecerá o traballo do veterano viticultor e adegueiro na quinta edición dos seus Premios, que se celebrarán o 29 de xuño

Avelino Lorenzo Giráldez é un veterano viticultor e adegueiro que traballou en beneficio dos viños da D.O. Ribeiro en todos os campos. Foi pioneiro na posta en valor das variedades autóctonas, buscando aumentar a calidade dos viños, pero tamén se significou noutros campos como é a revitalización do viño Tostado do Ribeiro. Ademais, foi membro do Consello Regulador durante máis dunha década; dinamizador en feiras e eventos; colaborador da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) ou a Universidade de Vigo en investigacións sobre o viñedo… O seu traballo continúano os seus fillos na adega da D.O. Ribeiro Herdeiros de Avelino Lorenzo.

Os Premios da Denominación máis antiga de Galicia chegan á súa quinta edición, sendo a deste ano a primeira ocasión na que se incorpora este galardón. O Premio “Vida entre Vides” é unha homenaxe e recoñecemento ao labor e traballo de toda unha vida aos viticultores e adegueiros da D.O. Ribeiro. Prémiase ás persoas que, co seu esforzo, foron pioneiros na modernización e avance da D.O. máis antiga de Galicia.

No transcurso do evento entregaranse o Premio Persoeiro de Honra 2016 ao xornalista Cristino Álvarez, en recoñecemento á súa traxectoria; o Premio “Muller e Viño”, a Mayte Santa Cecilia, directora de márketing e de compras das madrileñas tendas Adega Santa Cecilia desde 1990; e o Premio “Mellor Tarefa de Comunicación”, a Salvador Manjón, director da Semana Vitivinícola desde hai 24 anos.

O resto de categorías fórmano que coñecerán aos seus gañadores son: Premio “Mellor Servizo de Viño en Restaurante”; Premio “Mellor Tenda Especializada – Vinoteca”; Premio “Mellor Taberna – Bar de Viños”; Premio “Mellor Viño Branco – Adega”; Premio “Mellor Viño Branco – Colleiteiro” e Premio “Mellor Viño Tinto”.

O histórico Mosteiro de San Clodio, berce da viticultura galega e as súas variedades autóctonas, reunirá aos actores que dan vida ao veu D.O. Ribeiro e a profesionais chegados de toda España: adegas, colleiteiros, distribuidores, almacenistas, xornalistas, divulgadores e prescriptores, entre outros.

Comparte...