VIGO ACOLLE UN FORO SOBRE SEGURIDADE ALIMENTARIA EN PRODUTOS DA PESCA

VIGO ACOLLE UN FORO SOBRE SEGURIDADE ALIMENTARIA EN PRODUTOS DA PESCA

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR organiza un Foro de I+D+I sobre Seguridade Alimentaria en colaboración co Instituto de Investigaciones Marinas-CSIC.

Baixo o título de “Bioseguridade en produtos da pesca: novos retos do laboratorio á mesa”, será en Vigo do 27 ao 30 de novembro.

O obxectivo desta iniciativa, na que tamén colabora o Porto de Vigo, é trasladar ao sector os resultados de investigación encamiñados á consecución de procesos e produtos recoñecibles polos seus altos estándares de calidade, contribuíndo así a mellorar a competitividade e a capacitación profesional e a incrementar as oportunidades de negocio.

A primeira xornada do foro consistirá nunha mesa de traballo sectorial de acceso restrinxido. Prevista para o día 27, leva por título “O compromiso da bioseguridade: estímulos tecnolóxicos e de mercado” e reunirá a representantes do sector industrial –extractivo, transformador- e comercializador, así como de empresas de base tecnolóxica, de centros tecnolóxicos e de organismos públicos de investigación.

O día 28 terá lugar unha segunda mesa de traballo, esta vez con investigadores e tecnólogos procedentes de diferentes universidades e organismos públicos de investigación do país. Ao igual que no caso da xornada para o sector, esta será de acceso restrinxido.

O día 29 celebrarase o seminario “Tecnoloxías para garantir a bioseguridade dos productos da pesca”, no que participarán prestixiosos científicos nacionais e internacionais e expertos do ámbito empresarial.Paloma Rueda Crespo, directora-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar, será a encargada de inaugurar a xornada.

Finalmente, as instalacións do Porto de Vigo acollerán o día 30 un Infoday sobre “Novos retos en seguridade alimentaria en produtos da pesca”.

Comparte...