Ruta Do Viño

As VII Xornadas de Portas Abertas da Ruta dos Viños arrancan este fin de semana

Imaxe: Xornadas da Ruta dos Viños de Galicia

Durante a última fin de semana de maio e a primeira de xuño,  as cinco D.O. galegas únense un ano máis para realizar a sétima edición das Xornadas de Portas Abertas da Ruta dos Viños. Unha iniciativa que pretende poñer en valor as denominacións de orixe de Galicia.

Cada unha das D.O. ofrece un programa completo de actividades, e todas poñerán a disposición dos visitantes o coñecido como Bus do Viño, que acercará dende as cidades próximas ós que desexen esquecerse do coche. Dende a organización recomendan reservar e solicitar máis información a cada unha das D.O., para poder planificar mellor a viaxe.

D.O. Rías Baixas

A D.O. máis occidental da xeografía galega ten preparadas moitas actividades dende hoxe venres, ata o domingo 27. Os autobuses (a un prezo de 5 euros, 2,50 euros para nenos) acercarán ós visitantes ás xornadas para poder asistir á sesión de ilusionismo en adegas (do sábado 26), ás distintas visitas ós pazos (como o de Rubianes ou o Pazo Pondal), a plantar unha viña en Mar de Frades ou ás rutas de sendeirismo.

D.O. Ribeiro

A personalidade do viño de Ribeiro aparece tamén nas súas actividades para as Xornadas das Rutas dos Viños. Ó igual que no caso da D.O. Rías Baixas, as actividades comezan hoxe venres e rematan o domingo 27 e inclúen un túnel de viño gratuíto o domingo (na Igrexa da Madalena de Ribadavia), unha Vincana para os nenos, visitas nocturnas, paseos a cabalo, visitas a museos… Como en todos os casos tamén terán dispoñible o Bus do Viño.

D.O. Monterrei

A D.O. Monterrei realiza as Xornadas de Portas Abertas das Rutas do Viño a primeira fin de semana de xuño. Así organiza o venres 1 pola tarde un obradoiro de gastronomía gratuíta para nenos e adultos, visitas ó museo do Claustro Mercedario, unha ruta polos lagares rupestres e un túnel de viño, que terá lugar o domingo 3 de xuño. Por suposto esta actividade contará tamén co Bus do Viño, que fará dúas rutas (sábado e domingo) con diferentes saídas.

D.O. Ribeira Sacra

A D.O. Ribeira Sacra ofrece tamén un programa de actividades completo para o primeiro fin de semana de xuño. Ademais do consabido Bus do Viño, que volverá a levar ós visitantes ós puntos máis interesantes da D.O., tamén atopamos actividades como enoturismo e oleoturismo en Quiroga, pasear entre viñedos en Sober, un percorrido en barco con parada na adega A Taranxela ou simplemente visitar os museos da zona.

D.O. Valdeorras
Tamén no primeiro fin de semana de xuño, (venres 1, sábado 2 e domingo 3), a D.O. Valdeorras ten planificadas as súas actividades. A programación comeza o venres, cunha degustación de viños de sete adegas e acompañada de petiscos. O sábado, ademais de animación e festa no Paseo do Malecón de O Barco haberá un pincho especial no Bar Bravo Lux, e o domingo está programada unha ruta de sendeirismo polo Parque Natural Serra da Enciña, que finalizará cunha degustación de viño e petiscos.

 

Moitas das actividades comentadas anteriormente son de pago e precisan de reserva previa. Toda a información relativa ós horarios e tarifas, pódese atopar na propia web do evento.

 

Comparte...