A gastronomía, os doces e a artesanía de Vila do Conde (Portugal) amósanse en Galicia

A gastronomía, os doces e a artesanía de Vila do Conde (Portugal) amósanse en Galicia

A cidade portuguesa de Vila do Conde presentou en Galicia os seus recursos turísticos e gastronómicos, como o seu Feira do Artesanato que se vai celebrar entre o 25 de xullo e o 9 de agosto

A oficina de turismo en Compostela de Porto-Norte de Portugal acolleu a presentación dos recursos turísticos de Vila do Conde, cidade do distrito de Porto, que vivirá a XXXVIII edición da súa tradicional Feira do Artesanato do 25 de xullo ao 9 de agosto.

Na Feira da Artesanía reúnense cada ano máis de 100 expositores e artesáns que traballan ao vivo. Vila do Conde é o centro da “renda de bilros“, o prezado encaixe tradicional do que é referencia mundial; pero á cita tamén acoden xoieiros, cesteiros, canteiros e especialistas en cerámica ou marroquinería.

A Câmara Municipal de Vila do Conde ofrece guías para os grupos organizados que visitan á cidade, pódense xestionar contactando coa propia Câmara o a través da Oficina de Turismo Porto e Norte de Portugal de Santiago (teléfono 981 565 590).

A cita serviu para mostrar a súa gastronomía monacal. Os doces conventuais son unha tradición arraigada en Vila do Conde, ligada ao seu convento de Santa Clara. Entre as súas creacións destacan os “beijos da freira” (bicos de monxa), sapatetas, medias-lúas… O convento funcionou como tal dende 1318 a 1892.

17ª Feira de Gastronomía da cociña portuguesa

Entre o 21 e o 30 de agosto vai chegar a 17ª Feira de gastronomía da cociña portuguesa, con máis de 60 postos e restaurantes nos que gozar do mellor de Portugal, tanto en produtos como en elaboracións: pan tradicional, sobremesas, doces conventuais, meles, carnes afumadas, queixos, aceites, viños, herbas aromáticas, tés e infusións, compotas…

Vila do Conde, situada no distrito do Porto, conta con importantes recursos turísticos, gastronómicos, comerciais e industriais. Así, por Vila do Conde pasan dous camiños de Santiago e o seu comercio recibe moitos visitantes españois. O municipio atópase  dentro da rexión de produción regulada de vinhos verdes.

Um Porto para o Mundo

Do 20 ao 23 de agosto será a quenda de “Um Porto para o Mundo”.

Trátase dunha recreación, a través do teatro comunitario, da época na que a construción naval en madeira de Vila de Conde impulsou a navegación e a expansión marítima de Portugal. Actores profesionais e amadores entrarán en acción nun espectáculo que parte da colaboración entre Vila do Conde e Sao Paulo, a primeira cidade constituída en Brasil na época dos descubrimentos.

Comparte...