O C.R.D.O. Rías Baixas, satisfeito ante os datos da súa colleita e a internacionalización dos seus viños

O C.R.D.O. Rías Baixas, satisfeito ante os datos da súa colleita e a internacionalización dos seus viños

O organismo da denominación de orixe de viños galega con máis produción organiza un “túnel do viño” en Santiago de Compostela, con 79 marcas de 27 adegas

A Denominación de Orixe Rías Baixas presentou ante os xornalistas os datos da súa colleita 2016, a terceira maior en produción da súa traxectoria con máis de 33.300.000 quilos, dos que sairán uns 22 millóns de litros de viño certificado.

Malia as previsións negativas, por como marchaban as condicións meteorolóxicas do curso, as choivas de principio de setembro axudaron a que a produción non descendese significativamente. De feito, trátase da terceira maior vendima desta denominación de orixe galega de viños.

Novamente, a uva albariño volveu representar máis dun 95% do total vendimiado; as outras variedades brancas supoñen un 4% e, as diversas variedades tintas alcanzan preto do 1% do cultivado. En canto ás subzonas, o 60% da produción -máis de 20 millóns de quilos- concéntrase na subzona do Salnés.

No encontro coa prensa, o presidente e o secretario do C.R.D.O. Rías Baixas, Juan Gil de Araujo e Ramón Huidobro, avanzaron as súas boas expectativas sobre a internacionalización dos seus viños, con exportacións do 28% do total; deles, case o 50% das vendas están destinadas a Estados Unidos. Os outros destinos internacionais destacados para os viños Rías Baixas son Porto Rico, México, Alemaña ou Xapón.

Con todo, Galicia segue consumindo o 55% dos viños desta denominación.

Pola súa banda, Agustín Lago, director técnico do Consello, apunta o bo estado da uva e que na vendima lográronse “uns parámetros de calidade moi elevados, un excelente equilibrio entre grao e acidez, así como uns perfís moi aromáticos”.

O encontro de presentación destes datos coincidiu cun “túnel do viño” en Santiago de Compostela, ao que acoden profesionais e estudantes de hostalería. No mesmo toman parte 79 marcas de viños amparados procedentes de 27 adegas de Rías Baixas.

Comparte...