
Os viños do Ribeiro e Carlos Blanco, no último Enocións by Ribeiro
O programa Enocións by Ribeiro chega ao seu remate coa actuación de Carlos Blanco. A cita é o xoves 10, na Cidade da Cultura, e cós viños de Casal de Armán, Reboreda, Viña Costeira e Pazo Casanova presentados por Xoán Cannas (Instituto Galego do Viño)
A Denominación de Orixe Ribeiro e Carlos Blanco alíanse na terceira e derradeira actividade do programa Enocións by Ribeiro, que se vai celebrar o xoves 10 de setembro na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago.
Carlos Blanco ofrecerá un monólogo no que estarán moi presentes o mundo do viño e máis as emocións que se viven ao rematar o Camiño: ledicia, gratitude, optimismo… ao mesmo tempo que os asistentes poderán degustar referencias das adegas: Casal de Armán, Reboreda, Viña Costeira e Pazo Casanova, da man do director do Instituto Galego do Viño (INGAVI) e sumiller do restaurante Pepe Vieira, Xoán Cannas.
Do mesmo xeito organizaranse grupos reducidos para coñecer a exposición Camiño. A orixe, que se desenvolve ata o día 13 de este mes.
A xornada comezará ás 19.00 horas no Museo Centro Gaiás, cun prezo de 12 euros. As entradas están á venda en www.ataquilla.com; na Reixa Tenda, de Santiago de Compostela; e na sede do C.R.D.O. Ribeiro, en Ribadavia. Toda a información está no portal web www.movimientoribeiro.com
As sesións anteriores do Enocións by Ribeiro esgotaron ás súas entradas e contaron coa música de Guadi Galego, a gastronomía de Pepe Solla, as fotografías de Xurxo Lobato, a catadora Cristina Alcalá ou a animación de DJ Analís.