Rías Baixas, entre as D.O. vínicas con maior repercusión mediática en España

Rías Baixas, entre as D.O. vínicas con maior repercusión mediática en España

A denominación de orixe Rías Baixas é, entre as galegas, a que máis información e imaxe sobre os seus viños e adegas proxecta nos medios de comunicación españois, segundo o informe elaborado pola empresa Castro Galiana, dedicada á consultoría e comunicación empresarial.

Segundo o informe, no segundo lugar entre as D.O. galegas sitúase Valdeorras, seguida de Ribeiro, Ribeira Sacra e Monterrei, inda que con porcentaxes de información moi diferentes.

Así, mentres a información referida a Rías Baixas supón preto do catro por cento do total, ningunha das outras denominacións de orixe galegas chega ao dous por cento, quedando Ribeiro, Ribeira Sacra e Monterrei por debaixo do un por cento. Fronte a elas, Rioja sitúase en primeiro lugar da lista, con máis do 18 por cento da información non publicitaria atopada en máis de 8.000 exemplares de xornais (as principais cabeceiras, entre elas La Voz de Galicia e Faro de Vigo) publicados en 2012.

Rías Baixas sitúase nesta lista por detrás de Rioja, Ribera del Duero, Cava e Penedés, e inmediatamente por diante do seu principal competidor no mercado español de viños blancos: Rueda.

Respecto do anterior informe publicado por esta empresa en setembro pasado Rías Baixas sube un posto ao caer a D.O. Manchuela, cuxo éxito mediático se debe, segundo o informe, ao feito de que o futbolista Andrés Iniesta é propietario dunha adega na zona.

Comparte...