VINOASESOR: UN ASESOR PERSOAL PERMANENTE

VINOASESOR: UN ASESOR PERSOAL PERMANENTE

Un hostaleiro asentado en Galicia aspira a converterse no asesor permanente en materia de viños dos seus amigos e clientes a través dun novo modelo de negocio que comezou a funcionar onte mesmo: Vinoasesor

Juan Carlos Olivar é o sumiller e xefe de sala do restaurante O Muíño de Trigo, situado no concello coruñés de Cabanas. Gran afeccionado ao mundo do viño, acaba de poñer en marcha un proxecto de asesoría persoal a quen contrate os seus servizos.

Os clientes poderán realizar cantas consultas desexen sobre viño e maridaxes a través do correo electrónico. Pero o mellor do servizo é que ademais se poderán realizar consultas urxentes en tempo real a través do teléfono, de maneira que se un cliente sentado á mesa e coa carta de viños na man ten dúbidas para realizar a súa elección, poderá chamar a Juan Carlos para que o aconselle.

O servizo funcionará os 365 días do ano. As chamadas poderán realizarse entre as dez e media da mañá e as dúas da madrugada.

Se o servizo resulta sorprendente máis aínda é o prezo: nove euros ao ano.

Segundo indica Juan Carlos Olivar, “a idea naceu a partir de clientes e amigos, que me preguntan sobre viños e maridaxes. Os amigos suxeríronme montar algo en internet e de aí naceu Vinoasesor”.

Comparte...