Os viños da D.O. Rías Baixas ofrecen un showroom en Ámsterdam

Os viños da D.O. Rías Baixas ofrecen un showroom en Ámsterdam

O Consello Regulador da D.O. Rías Baixas organizou por primeira vez, o pasado luns, un  showroom dos seus viños en Ámsterdam. Un total de 15 adegas levaron a Holanda 29 marcas dos seus viños, para dar a coñecer a D.O. aos profesionais holandeses.

O principal acto promocional levado a cabo pola D.O. foi un showroom, que conseguiu reunir na céntrica Capela de  St. Olof, recentemente  restaurada e convertida en hotel, a 40 profesionais do sector que se achegaron para participar na actividade. A  Masterclass estivo impartida por  Germán Muñoz e nela incluíronse oito viños da D.O. pertencentes a Condado do Tea, O Rosal e O Salnés.

Eva Míguez, directora do Departamento de Márketing da D.O., desprazouse a Holanda xunto ao presidente do Consello, Ramón  Huidobro. Para Míguez, o  showroom foi moi interesante xa que, os asistentes “tiveron a oportunidade de preguntar diferentes cuestións relacionadas con estes viños como a influencia do clima atlántico na elaboración dos Rías Baixas. De feito, chamáronlles moito a atención as diferentes elaboracións”. Holanda é o quinto mercado exterior para a D.O. Rías Baixas, que con este acto pretendía reforzar e ampliar o seu recoñecemento entre os profesionais deste país.

Ademais as 15 adegas que viaxaron ata Ámsterdam contaron cunha mesa para atender aos profesionais que querían coñecer máis en profundidade os viños da D.O. Rías Baixas. Tamén se ofreceu un aperitivo acompañado dos viños da D.O.

Comparte...