Os viños galegos reciben máis de 30 premios Baco Cosecha 2017

Os viños galegos reciben máis de 30 premios Baco Cosecha 2017

A D.O. Rías Baixas convértese na máis premiada do certame, por enriba da D.O. Rioja 

Tres denominacións galegas, Rías Baixas, Ribeiro e Valdeorras, conseguiron sumar un total de trinta distincións na última edición dos premios Baco Cosecha 2017.  Estes galardóns recoñecen ós mellores viños xoves brancos, rosados e tintos da anada 2017.

A D.O. Rías Baixas foi a denominación vitivinícola máis premiada do certame, conseguindo un total de 26 medallas, superando as 16 obtidas pola D.O. Rioja. Ademais, o albariño “La Trucha” da D.O. Rías Baixas obtivo o maior premio do concurso conseguindo o Gran Baco de Oro Premio Luís Hidalgo, ó obter a mellor puntuación entre todos os viños inscritos.

Ademais os viños das Rías Baixas obtiveron 2 Gran Baco de Oro, 15 Baco de oro e 8 Baco de Plata, que valeron para recoñecer a calidade da última colleita desta denominación.  Para o Consello Regulador da D.O. Rías Baixas estes premios serven para confirmar a gran anada desta colleita, a segunda maior da historia das Rías Baixas, con máis de 39 millóns de quilos de uva.

Pero ademais outras dúas D.O. galegas obtiveron os seus correspondentes premios. A D.O. Ribeiro obtivo 6 premios (3 Baco de Oro e 3 Baco de Plata) e a D.O. Valdeorras obtivo un Baco de Oro. Outro viño galego sen D.O., o Portapazos de Adegas do Miño, levou tamén un Gran Baco de Oro.

Estes premios serviron para confirmar a calidade dos viños da nosa rexión que se someteron a un xurado de 50 persoas, todas integrantes da Unión Española de Catadores. No grupo, que realizou unha avaliación a cegas, encontrábanse sumilleres, enólogos, responsables de compras e directores de publicacións temáticas.

Trátase dun recoñecemento con gran valor promocional para as marcas, xa que distingue os mellores viños xoves da anada de 2017.

 

Comparte...