Os viños da  DO Monterrei degustaranse nas catas de promoción da Vía da Prata en Verín e Riós

Os viños da DO Monterrei degustaranse nas catas de promoción da Vía da Prata en Verín e Riós

Os viños da denominación de orixe Monterrei acompañarán as próximas fins de semana as degustacións que se realizarán nos municipios de Verín e Riós como unha das actividades comprendidas na campaña de promoción da Vía da Prata no marco do programa ‘Vive o Camiño’.

Estas actividades gastronómicas, denominadas ‘Catar o Camiño’, consisten nunha pequena cata de viños da DO Monterrei, como acompañamento á degustación de tres petiscos, dous salgados e un doce, elaborados con produtos típicos da zona.

Ademais de saborear a gastronomía local, os participantes poden participar tamén en roteiros de sendeirismo e talleres infantís e para adultos. O obxectivo é divulgar a riqueza patrimonial, natural e gastronómica da comarca de Monterrei.

As actividades iniciáronse a pasada fin de semana en Vilardevós e Oímbra e continuarán este sábado 26 de outubro en Verín e o 2 de novembro en Riós.

En Verín, a xornada iniciarase este sábado co Roteiro polo río Támega (10:00 a 12:00 horas). Xa pola tarde, no Auditorio, terán lugar o taller para adultos Memorias de  Prata (16:30 horas) e o taller para nenos  Xogando  coa  natureza (17:30 horas). A esta mesma hora (17:30 horas) terá lugar a cata.

O programa será moi similar en Riós, co Roteiro das Castañas pola mañá e idénticas actividades pola tarde. Os talleres desenvolveranse na biblioteca multiusos e a cata nas vellas escolas.

As persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente no número 722 876 073 (de 09:30 a 13:30 horas)

 

Sobre a D.O Monterrei

A D.O. Monterrei é unha das cinco denominacións de orixe vinícolas galegas. Confórmana 27 adegas do val de Monterrei, que abarca os municipios de Verín, Monterrei, Vilardevós, Riós,  Oímbra e Castrelo do Val. Os viñedos amparados baixo esta denominación ocupan un total de 579 hectáreas de territorio nas que traballan 418 viticultores.

Comparte...