Viños do Ribeiro triunfan na Feira do Viño Español en Hamburgo

Viños do Ribeiro triunfan na Feira do Viño Español en Hamburgo

No marco da celebración das feiras do viño español en Alemaña, o restaurante Parlament de Hamburgo albergou unha cata con 10 viños da Denominación de Orixe Ribeiro. Esta degustación, dirixida a profesionais do comercio e da prensa alemá, foi impartida polo xornalista, catador e consultor experto en viños españois David Schwarzwälder.

A acción foi organizada por ICEX en colaboración coa Oficina Económica e Comercial de España en Düsseldorf. Baixo o título “Galicische Terroir – Weine aus der D.O.P. RIBEIRO”  (o “terroir” galego, viños da Denominación de Orixe Ribeiro), o evento resultou ser todo un éxito, posto que se completaron todas as prazas dispoñibles para asistentes e os viños recibiron numerosos eloxios pola súa calidade e autenticidade.

Os viños presentes na degustación foron: Finca Viñoa (Pazo Casanova), Casal de Armán, Vilerma, Alter (Priorato de Razamonde), Cunqueiro III Milenium (Bodegas Cunqueiro), Beade Primacía (Señorío de Beade), Ramón do Casar, Elara (Bodega Alanís), Lonxe (Adega Eloi Lorenzo) e Colección 68 (Viña Costeira).

A xerente do C.R.D.O. Ribeiro, Cristina Alcalá, reiterou a importancia de apostar pola presenza en mercados exteriores, de cara a afianzar as exportacións e perseguir un labor de difusión internacional que poida redundar en novas oportunidades de negocio.

A través desta acción, o C.R.D.O. Ribeiro busca reforzar a súa presenza no mercado alemán, que actualmente constitúe un dos principais destinos de exportación desta Denominación de Orixe. Non se trata da primeira vez que a D.O. Ribeiro está presente no país xermano durante este ano 2017, posto que no mes de marzo o propio Consello Regulador e oito das súas adegas estiveron presentes na feira Prowein de Düsseldorf, a feria do viño de referencia a nivel internacional.

Comparte...