“Xantar 2018” pecha as súas portas con 24.000 visitas

“Xantar 2018” pecha as súas portas con 24.000 visitas

Xantar” pechou o pasado domingo 4 as súas portas cuns datos que reafirman a súa posición como un gran punto de encontro internacional para o turismo e a gastronomía. Preto de 24.000 visitas acompañaron na celebración da súa 19ª edición como salón especializado en turismo gastronómico con categoría de Feira Comercial Internacional.

Con 273 expositores, 15 restaurantes e 20 menús; ofrecendo máis de 200 experiencias para “vivir Xantar”, o salón conclúe despois de cinco xornadas de intensa actividade que estiveron dirixidas a estreitar as relacións de cooperación transfronteiriza entre Galicia e Portugal, e iberoamericana a través da participación activa de Panamá e da presenza de profesionais e chefs de Costa Rica, México e Estados Unidos. Portugal, país invitado, foi o gran protagonista desta cita na que demostrou por que foi elixido como o Mellor destino turístico do Mundo nos World Travel Awards.

Xantar 2018” volveu a contar coa fidelidade dos profesionais do sector e tamén do público xeral procedente tanto de Galicia como de Portugal e de provincias limítrofes, o que cumpre o obxectivo do salón de fomentar o turismo de proximidade a través da gastronomía.

Esta última xornada de Xantar estivo adicada aos concellos de Sober, A Arnoia, O Barco de Valdeorras e Maceda. Todos os alcaldes presentes coincidiron en reivindicar o lugar que lle corresponde ao turismo rural e ao turismo de interior en Galicia. Tamén foi o día dedicado aos Camiños de Santiago que se celebraron co acto de entrega da “Placa ao Mérito Turístico” da Orde á Cámara Municipal de Ponte de Lima que traballa para poñer en valor o Camiño Portugués, que recibiu en 2017 a máis de 50.000 peregrinos. Tamén foi entregada outra ao INORDE polos investimentos realizados para converter as vellas estacións de ferrocarril de Campo Becerros, A Mezquita e Vilar de Barrio en albergues para peregrinos.

Durante este acto de clausura foron entregados os premios do Concurso de CociñaXantar Gourmet” patrocinado polo Grupo Cuevas. Na categoría de afeccionados o gañador nesta categoría foi Cristián Argibay, estudante do CIFP Compostela que realizou a receita de “Cana de grelo e pescada galega do petisco con escuma de pataca”. Na categoría profesional, o gañador foi Santiago Campelo, de As Neves, que elaborou unha receita de “Requeixón, iogur e cítricos”.

Comparte...