Xantar cumpre a maioría de idade celebrando a súa edición máis internacional

Xantar cumpre a maioría de idade celebrando a súa edición máis internacional

Entre o  1 e o 5 de febreiro o recinto feiral de Expourense acollerá a 18ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico (Xantar). Nesta cita Panamá substituirá a Costa Rica como país convidado nunha edición marcada pola diversidade gastronómica e cultural que reunirá na capital ourensá a representantes de 11 países (España, Portugal, Panamá, Costa Rica, México, Ecuador, Paraguai, Francia, Perú, Cuba e Arxentina) nos seus 232 expositores.

Un total de 15 restaurantes ofrecen 21 menús baseados en produtos autóctonos e de calidade -incluíndo na súa maioría alimentos amparados por unha Denominación de Orixe ou Indicación Xeográfica Protexida-. Ademais, o programa de Xantar 2017 ofrece aos asistentes máis de 200 experiencias enogastronómicas e turísticas, destacando como novidade os paquetes turísticos “Siente Galicia” pensados para impulsar o turismo enogastronómico na provincia.

Xantar 2017 contará ademais con tres aulas gastronómicas, unha de Cata e un Túnel do Viño- no que estarán presentes, entre outras, oito marcas de seis adegas acollidas á D.O. Ribeira Sacra-.  Son espazos aos que este ano se engade, como novidade, o Túnel do Queixo.

Doutra banda, os showcookings correrán a cargo de recoñecidos chefs procedentes de todos os destinos presentes en feira aos que se suman cociñeiros como Javier Rodríguez “Taky”, Adrián Felípez, Álvaro Villasante, Flavio Morganti ou outros máis mediáticos como Carlos Maldonado, gañador da terceira edición de Masterchef ou Merchi Rodal e Leni Pérez do programa Larpeiros da Televisión de Galicia.

Comparte...