Xantar achegou as novidades da súa próxima edición a Fitur

Xantar achegou as novidades da súa próxima edición a Fitur

Máis dun cento de actividades, 15 restaurantes, tres aulas gastronómicas, unha de catas, túnel do viño… Expourense prepárase para acoller a 17ª edición desta cita gastronómica

Fitur 2016 acolleu a presentación da inminente celebración dunha nova edición de Xantar, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que se celebrará en Ourense entre o 3 e o 7 de febreiro de 2016 e que se converteu nun escaparate do enorme potencial gastronómico de Galicia. Durante o acto, Xantar presentouse como un atractivo máis do Entroido galego e escaparate perfecto do potencial gastronómico galego. O seu director, Alejandro Rubín, debullou o seu programa e novidades, entre as que destacou o país convidado este ano, México,  aínda que Portugal volverá ser un dos protagonistas desta cita gastronómica.

Así, na 17ª edición de Xantar participan unha quincena de restaurantes procedentes de Galicia, Asturias e de varias rexións turísticas de Portugal, ademais de México. En total, ofreceranse máis de 20 menús baseados nos seus produtos autóctonos e de calidade, xa que a maioría inclúen alimentos amparados por unha Denominación de Orixe ou Indicación Xeográfica Protexida. Contribuirase así á posta en valor dos produtos agrogandeiros e pesqueiros de calidade. Ademais, poranse en valor os beneficios para a saúde dos alimentos comprendidos na Dieta Atlántica e incluirán distintos menús aptos para celiacos.

Actividades
O programa de actividades de Xantar 2016 incluirá tanto conferencias de expertos como exhibicións de cociña en directo, ademais de catas comentadas e degustacións incluídas no chamado “Encontro Ibérico sobre Dieta e Saúde” que afronta xa a súa 11ª edición. En total, máis de 100 actividades orientadas a profesionais e afeccionados. As actividades deste ano terán o obxectivo de apostar pola profesionalización do sector e de pór en valor as materias primas de calidade como os produtos adscritos ás Denominacións de Orixe ou con Indicación Xeográfica Protexida. Para dar cabida a este amplo programa de actividades, Xantar contará por primeira vez con tres aulas gastronómicas ás que se suma unha de Cata. Unha delas estará patrocinada por Repsol que será ademais a encargada de organizar showcookings nos que participarán cociñeiros con Soles Repsol como é o caso de Pepe Solla.

Túnel do Viño
Xantar 2016 aposta firme por fomentar a cultura vitivinícola de Galicia e repite nesta edición a creación dun Túnel do Viño que amplía con respecto á experiencia do ano anterior. O obxectivo é servir de escaparate internacional ao viño galego e poderán consultarse e probarse referencias do cinco denominacións de orixe de viño de Galicia. É un espazo que ten o obxectivo de potenciar o consumo do viño de calidade producido en Galicia entre os visitantes profesionais que cada ano chegan até Expourense procedentes da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, así como das comunidades limítrofes, ademais de contar coa participación de prensa especializada e bloggers gastronómicos de toda a Península Ibérica.

Xantar pon así en valor ao turismo gastronómico como un nicho de éxito en España, xa que é o mercado europeo no que o visitante máis valora a gastronomía e no que crece continuamente o investimento do turista, chegando a supor o 45% do gasto diario do viaxeiro. Ademais, o turismo gastronómico dinamiza a economía local e entronca con outros atractivos do territorio como a paisaxe, a cultura ou o patrimonio.

Comparte...