A Xunta intensifica a vixilancia contra o furtivismo en Semana Santa

A Xunta intensifica a vixilancia contra o furtivismo en Semana Santa

A Consellería do Mar está intensificando os labores de vixilancia contra o furtivismo naquelas zonas de maior incidencia con motivo das festas de Semana Santa

Así o trasladou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, nunha visita que realizou á unidade operativa do Servizo de Gardacostas en Ribeira, acompañada polo subdirector xeral do servizo, Lino Sexto.

Deste xeito, explicou que a intensificación centrarase nos campos da comercialización e da restauración, a través de inspeccións en puntos de venda e en establecementos de hostalería, onde se revisará que a mercancía que ofrecen conta coa documentación legal pertinente.

Ademais, estenderase a unha actuación conxunta e coordinada con Comercio e coa Axencia Galega de Turismo, que precisamente se iniciará nesta Semana Santa. O obxectivo é “garantir a todos os que nos visitan que o que consuman aquí será un produto de calidade”, remarcou a conselleira.

Así, agradeceu o traballo de control da actividade que realizan os gardacostas e subliñou que se trata dun labor de defensa de todo o sector pesqueiro profesional centrado en facer fronte ás persoas que extraen e venden ilegalmente, prexudicando a saúde dos consumidores.

De feito, nos dous primeiros meses deste ano, o Servizo de Gardacostas realizou case 1.700 inspeccións que resultaron co comiso de case 5.500 quilos de distintas especies de peixe e marisco e coa incautación de 1.150 útiles.

Quintana tamén fixo fincapé na importancia de implicar á sociedade como aliada fundamental na loita contra esta “lacra” que abarca os campos social, económico, sanitario e ambiental.

 

Comparte...