12 Cuncas visita Vigo nunha cata maridaxe

12 Cuncas visita Vigo nunha cata maridaxe

O albariño da D.O. Rías Baixas subzona Salnés 12 Cuncas continúa a súa promoción por Galicia. Esta vez o lugar elixido é a vinoteca Cabernet en Vigo, situada en casco antigo, na rúa Teófilo Llorente 29 A. O evento terá lugar o vindeiro martes 24 ás 20:30 horas. Alí Marcos Crespo, xerente de 12 Cuncas, presentará o seu proxecto e fará un repaso pola historia da adega e do viño, poñendo en valor a este albariño de pura raza O Salnés.

A cata estará dirixida pola catadora Mercedes González, Expresidenta da Asociación de Catadoras de Galicia Gallaecia e Presidenta do Club de Cata de Lugo Vitislucus – Expertos en Análise Sensorial, que conta cun amplo currículo profesional no mundo do viño.

O evento que ten un prezo de 7.5 €, dividirase en dúas partes: en primeiro lugar catarase o viño ao espido, para que se aprecien todos os seus aromas e o seu sabor, e logo degustarase maridado con tres petiscos diferentes, elaborados polo chef Adrián Álvarez Belo, compostos por: zamburiñas á grella, aderezadas cun aceite de allo e perexil suave; mini tosta de polbo á prancha con segredo ibérico e alioli e lura á grella sobre royal de cogomelos, con mollo verde.

Os interesados en asistir deben contactar a info@12cuncas.com.

Comparte...