O barman Diego Mosquera imparte un taller de mixología molecular en Vilagarcía

O barman Diego Mosquera imparte un taller de mixología molecular en Vilagarcía

Diego Mosquera impartirá mañá día 13, ás 20:00 h., na Aula de Cociña do Centro Comercial Arousa (2ª planta) en Vilagarcía, un taller de mixología molecular no que introducirá os asistentes na elaboración dos denominados cócteles sensoriais. Esta técnica busca sorprender e provocar novas experiencias no consumidor mediante a estimulación dos sentidos e a través da creación de novos sabores, cores, texturas ou espectaculares efectos visuais.

Piruletas nitroxenadas de daiquiri de amorodo, flocos de millo de piña coada, trampantojo Cafeto cóctel ou mojito Atlántico con néboa do Nordés son só unha mostra dos cócteles que serán elaborados por Mosquera ao longo do taller e que permitirán aos asistentes iniciarse no uso de elementos como o nitróxeno líquido, o óxido nitroso, o xeo seco ou o alxinato para a creación de escumas, néboas, fumes ou aires, así como no emprego de técnicas como a esferificación ou a conxelación.

Diplomado en Turismo pola Universidade da Coruña, Diego Mosquera Miramontes alzouse co Premio Nacional de Coctelería en 2001, esVicepresidente de Agaba e camareiro executivo do Vaová Gastro Gin (Santiago de Compostela).

O taller é gratuíto e de acceso libre ata completar aforamento. Máis información na web www.ccarousa.com.

Comparte...