Arrinca a IV Edición de #BarrodeTapas

Arrinca a IV Edición de #BarrodeTapas

A gastronomía, o turismo e os viños da D.O. Rías Baixas son os eixos principais da IV Edición de Barro de Tapas

Esta iniciativa, promovida pola Asociación Cultural “Amigos da Fervenza da Barosa” de Barro, terá lugar os próximos 11, 12 e 13 de decembro en varios establecementos hostaleiros da comarca de Pontevedra.

Segundo os organizadores, a ruta busca a súa consolidación mantendo o mesmo prezo desde a primeira edición e buscando calidade nas propostas presentadas polos hostaleiros locais. Cada tapa custará 2,5 euros, cun prezo único e pechado para cada consumición -albariños D.O. Rías Baixas ou cervexa artesá de Barro-.

Nesta edición o público actuará como xuíz e elixirá a “mellor tapa polo xurado popular” e un xurado profesional, composto polos membros de Galicia Gastro, elixirá a “mellor tapa polo xurado profesional”.

O público que participe na ruta e complete a mesma, selando en 6 locais, participará no sorteo dunha cea para dúas persoas en calquera dos locais participantes da ruta, lotes de viños D.O. Rías Baixas das Adegas Tomada de Castro (Ribadumia), Adega Casaley (Barro), Adega Moraima (Barro) e Cabana das Bolboretas (Barro), packs de cervexa Saramagal e 6 vales de consumición nos locais participantes de 10 euros cada un.

Previamente á celebración da ruta, organizáronse unha serie de actividades que contaron coa colaboración da D.O. Rías Baixas e as Adegas Zárate, Adega Pombal, Adega Pazo de Galegos, Adegas Albamar, Adega Señorío de Rubiós, Tomada de Castro, Casaley, Moraima e Cabana das Bolboretas. Tamén colaboraron Aceites Abril e o Restaurante Il Piccolo.

Entre as actividades que se desenvolveron destacan un encontro de bloggers e medios de comunicación nas adegas D.O. Rías Baixas de Barro, talleres, showcookings e tapas.

Comparte...