Menús sen glute para celebrar o Día Nacional do Celíaco

Menús sen glute para celebrar o Día Nacional do Celíaco

As asociacións de celíacos de Galicia organizarán diversas accións con menús sen glute, mesas informativas, charlas ou accións de sendeirismo, coas que pretenden reivindicar a necesidade dunha diagnose precoz, máis concienciación da industria para facilitar a vida a estas persoas e implicación das administracións para desenvolver normativas alimentares pensando neste colectivo.

Boa parte das accións desenvolveranse o 27 de maio, coincidindo co Día Nacional do Celíaco, aínda que a Asociación de Celíacos de Galicia adiantou a celebración á fin de semana. O sábado 24 celebrarase no restaurante San Martiño, de Teo, o encontro anual da asociación.

Está previsto que acudan 300 persoas a este evento, que reserva un espazo para a exposición de produtos sen gluten e outro para actividades de animación infantil. Tamén haberá sorteos de lotes de produtos sen glute.

 Os colexios de farmacéuticos de A Coruña e Lugo colaborarán tamén na campaña de divulgación, repartindo folletos sobre a enfermidade celíaca en todas as oficinas de farmacia de sendas provincias durante a semana do 26 de maio ao 1 de xuño.

Comparte...