
Enoturismo en terras da Ribeira Sacra, o domingo 23 de marzo
A Ruta do Viño Ribeira Sacra organiza o domingo 23 de marzo un roteiro de enoturismo polo sendeiro da Cruz- Pena Pombeira, en terras do concello de Pantón.
A proposta inclúe comida e distintas visitas culturais e a unha adega para coñecer os viños de Abadía da Cova.
O punto de encontro será na praza do concello de Ferreira de Pantón ás 9:30 horas. A xornada comezará co roteiro de dificultade media-baixa, duns 7 quilómetros e prevese unha duración aproximada de algo máis de dúas horas.
Posteriormente realizarase unha visita ao románico da zona e gozarase dunha comida na Rectoral de Castillón (Pantón).
Pola tarde realizaranse as visitas ao Ecomuseo de Arxeriz e á adega Abadía da Cova no concello do Saviñao.
A actividade ten un custo de 20 euros, con prazas limitadas. Para apuntarse debe chamarse aos números de teléfono 698 167 991 e 982 410 968.