Presentación oficial do Atlante Wine Forum en Vigo

Presentación oficial do Atlante Wine Forum en Vigo

O concello de Vigo foi o escenario da presentación do Atlante Wine Forum 2016, unha xornada de traballo e formación dirixida aos profesionais do viño e ámbitos afíns.

O Atlante WF, que está organizado polo Instituto Galego do Viño, reunirá nun día completo aos maiores expertos recoñecidos internacionalmente que ofrecerán relatorios e masterclass sobre diferentes temáticas de interese para o sector vitivinícola. Xoan Cannas, director do instituto, destacou que “os nove relatores que se desprazarán á cidade olívica para o evento pertencen á elite mundial do viño”.

O foro propón a atlanticidade como elemento de conexión no mundo do viño, destacará temas como a figura do catador e a importancia dunha nova comunicación ou as tendencias mundiais no servizo deste produto. Ademais será un punto de encontro entre os viños máis importantes do mundo.

Ao concluír as masterclass terá lugar unha mesa redonda centrada en “Como construír unha oferta enoturística de éxito en Galicia” e o broche final poñerao Sarah Jane Evans, líder de opinión internacional, ofrecendo un relatorio na que abordará “Como os viños galegos poden loitar no mercado global”.

O obxectivo desta cita é xerar o ambiente académico propicio para o intercambio de experiencias entre profesionais e o descubrimento de novas liñas de desenvolvemento empresarial.

O evento celebrarase na sede de Afundación de Vigo por segundo ano consecutivo e abrirá as súas portas o luns 18 de abril, ás 08.30 horas.

As entradas para o Atlante Wine Forum pódense adquirir na web www.atlantewineforum.com. Desde BenBo sortearemos dúas entre os nosos subscritores.

Comparte...