Feira do Viño de Quiroga… e Quiroga de Tapas

Feira do Viño de Quiroga… e Quiroga de Tapas

Quiroga vive a súa XXXI Feira do Viño o 30 e 31 de marzo pero, como anticipo, terá a segunda edición de Quiroga de Tapas do 21 ao 29 e a presentación da Confraría do Viño de Quiroga o día 16.

O salón de sesións da Casa do Concello será a sede, o sábado día 16 ás 11 horas, onde porase en marcha a Confraría do Viño. Cada ano os confrades serán os encargados de seleccionar que viños participen na Feira do Viño, tras unha cata no Museo Etnográfico. Polo momento, son 23 os membros desta Orde.

En Quiroga de Tapas participan 19 locais: Hostal Río Lor, Adega da María, Ciber-café A Pedra, Bar Las Palmeras, Bar O Portón, Bar Raposo, Bar Quiper, A Taberna, Cafetería Quiroga, Pub Ruxe-Ruxe, Bar O Cantar Miudiño, Bar Lago, Bar Félix, Restaurante O Roxo Vivo, Casa Torres, Bar Chapakuña3, O Recuncho de Dino, Mesón Ferreiriño e Mesón Escaleira.

Cada establecemento deberá elaborar unha tapa, con ingredientes de libre elección, que se venderá a 1,50 euros. Deberá maridar con viños da bisbarra e os clientes poderán seleccionar as súas favoritas a través de “tapacartóns”. Como é habitual, haberá premios para concursantes e comensais.

O certame conta coa colaboración da Asociación Provincial de Hostalaría de Lugo.

Xa o 30 e o 31 de marzo chegará a gran cita. A Feira do Viño de Quiroga reunirá na vila a miles de persoas e contará con actividades continuas (musicais, de mostras tradicionais…). A entrega de premios aos colleiteiros será o domingo 31, ás 12:45 horas.

Comparte...