Taller e showcooking sobre o aceite en Vilagarcía co chef Miguel Mosteiro

Taller e showcooking sobre o aceite en Vilagarcía co chef Miguel Mosteiro

O Centro Comercial Arousa en Vilagarcía acollerá o próximo venres 19 e da man de Aceites Abril unha xornada dedicada en exclusiva ao aceite e que combinará a espectacularidade da maxia do mago Teto cun taller de iniciación á cata de aceite e un showcooking impartido polo xefe de cociña en IN9 Eventos do grupo Chicolino Restauración e asesor gastronómico de Cambados, Miguel Mosteiro.

O chef galego explicará as características organolépticas das distintas variedades de aceite e o uso gastronómico que, en función das súas calidades, é máis apropiado para cada tipo de elaboración. Os asistentes poderán degustar 3 tipos de aceite: arbequina, de sabor suave e afrutado, sen presenza de notas amargas nin picantes e moi aromático, ideal para repostaría -como substituto da manteiga-, en pratos delicados ou o seu consumo en cru xa sexa no almorzo ou en ensaladas; hojiblanca, propio da zona central de Andalucía e cualificado como o máis versátil pola súa capacidade para adaptarse a guisos, asados e frituras; e picual, doado de diferenciar polo seu clásico amargor e comechón característica en garganta e o máis cardiosaludable pola súa alta concentración de ácido oleico e polifenois.

Tras a cata, Mosteiro elaborará tres receitas nas que empregará cada unha das variedades de aceite para potenciar o sabor: xeado de mexillóns en vinagreta, carpacio de tenreira Cachena curado en auga de mar e ensalada de algas e moluscos con fondo escuro de miolos.

A actuación do Mago Teto, que introducirá a xornada, terá lugar na 2ª planta, entre as 17:00 h. e as 19:00 h. O taller gastronómico será a partir das 19:45 h. na Aula de Cociña do centro comercial. A entrada é gratuíta. Máis información na web www.ccarousa.com

Comparte...