Aceite de oliva galego, un produto milenario

Aceite de oliva galego, un produto milenario

A chegada de Aceites Abril ao mundo do aceite de oliva 100% galego, producido en Galicia con olivas galegas, supón un paso adiante significativo nunha aventura que empezou hai máis de dous milenios, cando os romanos trouxeron ata a nosa terra a oliveira, e á que, segundo din, puxeron puntos suspensivos os Reis Católicos… até agora.

As oliveiras continuaron en Galicia de forma legal vinculadas ás igrexas e ao uso relixioso que se fai do aceite. Pero a orografía galega é difícil de controlar e moitos exemplares que entón debían caer baixo a brosa seguen hoxe vivos e, ás veces, produtivos.

Durante ese tempo o aceite de oliva galego foi clandestino. Primeiro por lei e, esquecida esta, por quedar reducido ao uso e consumo familiar de zonas moi determinadas do país. Non foi até finais do século XX que comezou a especularse coa súa posible recuperación. E seguramente até hoxe esa recuperación era máis un desexo que un futuro certo. A aposta de Aceites Abril, a maior firma galega que comercializa aceite, con máis de 70 millóns de litros vendidos en España e nos mercados internacionais, polo aceite galego é unha garantía de futuro. Ata agora o noso aceite estaba en mans de afeccionados. Hoxe os profesionais tomaron as súas primeiras posicións.

Os pioneiros

Foron adegueiros de Ribeira Sacra os primeiros que creron nas posibilidades comerciais do aceite galego e o tempo deulles a razón, chegando a afirmar que o aceite era máis rendible que o viño. “Vendo todo o aceite que produzo sen saír de casa” dicía en 2008 Manuel Mondelo, propietario da marca Aceiroga, que elabora aceite a partir de vellas oliveiras varias veces centenarios da zona de Quiroga pero que tamén apostou por realizar novas plantacións.

A colleita deste ano en Quiroga será inferior á de 2011, polo que Aceiroga espera poñer no mercado entre 1.000 e 1.300 litros de aceite en botellas de medio litro.

O outro adegueiro quirogués pioneiro en comercializar o aceite de oliva da zona é Manuel Gómez, da adega Val de Quiroga, que este ano poñerá no mercado entre 500 e 600 litros de aceite.

Os dous manueles puxeron a base da recuperación comercial do aceite de oliva galego, que nunca se perdeu de todo entre os particulares desta parte do sur de Lugo.

O caso Olei

O aceite de oliva galego transcendeu as fronteiras de Galicia coa chegada ao mercado de Olei, producido por Invatia Research, unha empresa de investigación e desenvolvemento.

Este ano Olei espera poñer no mercado arredor de 17.000 litros de aceite de oliva que segundo explica a súa responsable, María Estévez, é producido exclusivamente con olivas galegas.

Eidos de Iria

Un modelo diferente de negocio en torno ao oliveiral galego é o de Eidos de Iria, con oliveirais na zona sur de Ourense, moi preto da fronteira portuguesa. Esta empresa aposta fundamentalmente pola produción de olivas de mesa aderezadas, de excelente calidade, para o que emprega os froitos dunha variedade traída a Galicia desde Italia e un adobo con aceite de oliva, allo, pemento e aroma de anchoa.

Aínda que as olivas sexan o seu forte, Eidos de Iria non esquece a produción de aceite, prevendo sacar ao mercado máis de 3.400 litros da presente campaña. “É un aceite aínda mellor que o do ano pasado” asegura Pepe Barroso, propietario da marca.

O aceite de oliva virxe galego da campaña 2012 estará no mercado entre xaneiro e marzo de 2013, segundo as marcas.

Foto: Os aceites pioneiros xunto cunha ánfora para o aceite típica da cerámica de Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo, Ourense)

Comparte...