Arenques e castañas

Arenques e castañas

Por Miguel Vila

Este outono chuvioso préstase especialmente para sentarse ao pe da lareira a merendar unhas castañas asadas mentres a furia dos elementos se abate sobre as xanelas. A min as castañas asadas gústame acompañalas cun bo tinto, da Ribeira Sacra por exemplo.

As castañas son un deses produtos cos que aos galegos se nos enche a boca de palabras agarimosas, inda que despois fagamos pouco uso deles na mesa. Pode que cada vez menos.

Paréceme a min que hoxe o maior consumo de castañas que se fai é asadas, que ata hai pouco máis de medio século se consideraban máis unha lambetada que un alimento, tal como asegurou o etnógrafo Xaquín Lourenzo, Xocas, cando escribiu por aquel entón sobre a mantenza dos galegos.

Caldo de castañas, castañas con chourizos ou con touciño, castañas con leite, castañas con arenques… todos son pratos do noso pasado inmediato, ao que culinariamente semella que moitos adultos teñen renunciado, pode que para sacar da súa cabeza fames pasadas que se mataban, ou tentaban matar, con estes alimentos. “Ramón Blanco come dous arenques para abrir o apetito e eu con un teño que pechalo” aseguraba un paisano do Valadouro, mentres tomaba un viño e unha tapa de queixo na Barra, hai xa ben anos.

Pero a cousa ía de castañas con arenques, que comín noutros tempos con relativa frecuencia. Era eu neno entón. Na mesa poñíase a fonte de castañas, quentes, acabadas de cocer, e a dos arenques. Cadaquén collía dunhas e doutros, os arenques entre dúas follas de papel de estraza para golpealos coa palma da man derriba da mesa, de maneira tal que as escamas e a pel do peixe quedaban pegadas ao papel. Eu era neno por entón e as miñas mans non exercían a forza suficiente, así que ía o arenque, envolto no papel de estraza, a pousarse no marco da porta da cociña, suxeito coa man dereita, mentres coa esquerda empregaba a palanca que supoñía a porta para conseguir o mesmo resultado que os adultos acadaban a golpes.

Podería falarlles tamén da tortilla de arenques… pero queda para outra ocasión.

Comparte...