Biofactory, xeados para persoas veganas ou con intolerancias

Biofactory, xeados para persoas veganas ou con intolerancias

Alicia Conchas. Entrar nun lugar e poder elixir da carta o que máis che apeteza debería estar ao alcance de todo o mundo, non elixir só aquilo que podes comer se non o que queres comer. Ou poder comprar os teus produtos favoritos sen deixarte a vista mirando ata a letra máis pequena das etiquetas. Os que padecen algunha intolerancia, ou son vegetarianos ou veganos entenderán do que falo.

Hoxe en día hai moita xente con intolerancias alimentarias e tamén persoas que deciden seguir unha dieta 100 % verde, excluíndo dos seus menús tanto a animais mamíferos, aves ou peces; como a calquera produto derivado como o leite, os ovos ou o mel. A estes últimos chámaselles veganos. A súa filosofía de vida, baseada en evitar o sufrimento dos animais, e a súa forza de vontade incítanlles a romper con numerosos hábitos dunha dieta convencional, pero sen dúbida á hora de darse un capricho adóitano ter realmente difícil. Que o logren depende de que atopen o sitio correcto e concreto onde os seus produtos sexan totalmente vexetais. En Galicia os máis golosos están de parabéns.

Se es vegano e es fan dos xeados sobre todo no verán non te quedes sen poder comer un. Biofactory, empresa galega que elabora xeados de produción ecolóxica, ten unha ampla variedade de produto realizado con ingredientes 100% de orixe vexetal. Non utilizan, por tanto, nin leite, nin lactosa, nin ovo; simplemente froita madura, un pouco de auga e azucre. Esta particularidade convérteos ademais en produtos aptos para incorporar á dieta de persoas intolerantes á lactosa ou ao ovo, os seus xeados tamén son libres de gluten.

A oferta para as persoas que deciden vivir causando o menor dano posible aos animais, ou para os que teñen que renunciar a produtos que lles gusten por padecer algún tipo de intolerancia segue crecendo e en Biofactory téñeno moi presente, por iso decidiron apostar por produtos para que ninguén quede sen gozar da satisfacción de tomarse un bo xeado do seu sabor favorito: chocolate, amorodo, froitos do bosque ou de mojito.

Aquí mostrámosche os puntos de venda para que non te quedes sen probalos.

Comparte...